Recursos

Este Programa, desenvolvido a partir da colaboración da Xunta de Galicia coa Fundación Meniños vai dirixido  a mulleres vítimas de abuso e violencia sexual, que sofren desaxustes físicos, emocionais, condutuais e relacionais como consecuencia do abuso. Tamén poden ser usuarios os seus familiares ou persoas, baixo o consentimento da vítima, que cumpren un papel imprescindible na recuperación.

Abramos o Círculo é un programa de atención psicolóxica especializada e de apoio, financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, e dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas  e violentas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, co seu círculo social e desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.

As mulleres que sofren violencia de xénero teñen á súa disposición un programa de atención psicolóxica que lles axuda a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades e capacidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral. Tamén as/os menores e persoas delas dependentes poden utilizar este recurso.

Agresión OFF é unha app institucional, da Xunta de Galicia, con información útil e consellos para evitar e previr agresións sexuais, así como pautas para saber a onde dirixirse para maior apoio e información.

EscApp é unha aplicación da SX de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración co CPEIG que ten por obxectivo achegar información de utilidade ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero e a todas as persoas que poidan axudar a rematar con este tipo de situacións.

O directorio de mulleres expertas configúrase como un instrumento no cal se recollan os datos persoais e profesionais de mulleres galegas expertas nas diferentes materias.

O Centro de Recuperación Integral ten por finalidade desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero e as persoas delas dependentes, especialmente aos seus fillos e fillas menores.