Sensibilización social

A publicidade, por ser unha técnica de comunicación masiva que transmite directamente imaxes e tópicos que afectan e inflúen no xeito de entender a vida, é un dos ámbitos nos que resulta mais importante incidir nesta sensibilización, para tratar de conseguir que na representación das mulleres na publicidade e nos medios de comunicación non se lle atribúan roles sexistas ou imaxes estereotipadas.

Publicidade Sexista

O Decreto 157/2012, do do 5 de xullo de 2012, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación, crea a Comisión Asesora de publicidade non sexista como un órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero que terá como obxecto asesorar e orientar ás entidades, asociacións e axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que cooperen á erradicación de todo tipo de discriminación por razón do sexo das persoas. Así mesmo, canalizará as queixas que se reciban en relación coa publicidade sexista.

Que podemos considerar publicidade sexista?

 A publicidade que atente contra a dignidade da persoa ou vulnere os valores e dereitos recoñecidos na Constitución, especialmente aqueles aos que se refiren os seus artigos 18 e 20, número 4.

Entenderanse incluídos na previsión anterior os anuncios que presenten as mulleres de forma vexatoria, ben utilizando particular e directamente o seu corpo ou partes do mesmo como simple obxecto desvinculado do produto que se pretende promover, ben a súa imaxe asociada a comportamentos estereotipados que vulneren os fundamentos do noso ordenamento, promovendo a xeración da violencia á que se refire a Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Que se fai cando se presenta unha denuncia?

 Analizarase o contido do obxecto da denuncia en relación coa normativa vixente de aplicación e se este presenta as mulleres de forma vexatoria, procederase do seguinte xeito:

No caso de que a publicidade sexa de ámbito non autonómico, remítese a denuncia ao órgano estatal competente.
De tratarse de publicidade de ámbito autonómico, realízanse os contactos necesarios para a súa retirada con anunciantes e medios nos que se publica, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo das mensaxes.

Como se pode facer a denuncia ?

 Cubrindo o formulario de denuncia de publicidade sexista e enviándoo por correo electrónico ao enderezo igualdade@xunta.es, por fax ao 981 957 690 ou cumprimentando o formulario de denuncia de publicidade machista.

Tamén existe a posibilidade de facela a través do Teléfono da Muller 900 400 273, un servizo totalmente gratuíto e anónimo que funciona durante as 24 horas do día e con cobertura para toda a comunidade autónoma.