Galicia pon en funcionamento mañá o servizo 028 Arco da Vella de información, asesoramento e atención inmediata fronte á violencia por lgtbifobia

É un servizo gratuíto, en funcionamento as 24 horas do día e os 365 días do ano e que tamén se pode usar en situacións de urxencia ou emerxencia

Ponse tamén a disposición da cidadanía dúas direccións de correo electrónico: 028-online@igualdad.gob.es e/ou servizo028arcodavella@xunta.gal

Esta iniciativa é froito dun convenio de colaboración asinado entre o Estado e a Administración autonómica galega

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2023
 
O servizo 028 Arco da Vella de información, asesoramento xurídico e atención psicosocial inmediata e especializada fronte a todas as formas de violencia por LGTBIfobia ponse mañá en funcionamento en Galicia. A iniciativa é froito do convenio de colaboración asinado entre o Minesterio de Igualdade e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
 
O servizo que é gratuíto está dirixido, en concreto, ás vítimas de delictos de odio ou de discriminación por LGTBIfobia, así como para informar e atender calquera necesidade das personas LGTBI, ás súas familias ou achegados. Ademáis do número de teléfono abreviado, ponse tamén á disposición da cidadanía dúas direccións de correo electrónico: 028-online@igualdad.gob.es e/ou servizo028arcodavella@xunta.gal.
 
O 028 é confidencial e atenderá, polo tanto, chamadas de información e sobre atención integral (solicitude de axuda tras un ataque, peticións de información relacionadas con delictos de odio ou violencia intraxénero e as chamadas referidas a cuestións de saúde, incluída a saúde sexual e reprodutiva).
 
O 028 tamén atenderá situacións de urxencia ou emerxencia, derivando de xeito inmediato a chamada ao teléfono de emerxencias 112 de Galicia.
 
En definitiva, este novo servizo permitirá ofrecer asesoramento xurídico, emocional e psicolóxico, itinerarios individualizados de atención social, orientación laboral e educativa, información sobre servizos e recursos dispoñibles ou información e asesoramento en temas de saúde.
 
A Xunta mantén un firme compromiso na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que aborda de xeito transversal. Galicia é referente por ter unha Lei propia que consolida o principio de igualdade en LGTBI. No Foro de Identidades e Disidencias Sexuais, que se desenvolve no seo do Consello da Cultura Galega, o Goberno galego está a incidir na educación en igualdade e en colaboración coas entidades, continúa a poñer en marcha campañas, acompañamento e asesoramento sobre recursos sociais e sanitarios para este colectivo, ao tempo que avoga pola formación específica para o persoal das administracións.