Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (Observatorio LGBTIQ+) é un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de diversidade de orientación sexual e de xénero, adscrito á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

A norma que o crea é o Decreto 131/2018, do 10 de outubro, polo que se crea e se regula o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (Decreto 131/2018).

 

Entre os seus fins está a promoción da igualdade real e efectiva das persoas LGBTI e a contribución ao coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero. Así mesmo, serve de foro de diálogo permanente entre a Administración autonómica e o movemento asociativo que teña como obxecto a defensa dos dereitos das persoas LGBTI.

 

Para facer efectiva esa participación do movemento asociativo, a composición do Observatorio LGBTIQ+ inclúe “unha persoa en representación de cada unha das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI, que así o soliciten e sexan designadas como entidades con representación no Observatorio de acordo co procedemento regulado neste decreto” (artigo 9.1.o) do Decreto 131/2018).

 

As funcións do Observatorio LGBTIQ+ comprenden, entre outras, analizar os principais problemas para o recoñecemento, restablecemento e garantía dos dereitos das persoas LGBTI; realizar propostas e recomendacións en materia de normas e políticas públicas; promover a realización de campañas de sensibilización e visibilización sobre a diversidade sexual e identidade de xénero ou actuar como órgano de denuncia en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

 

-Canle para contactar ou presentar denuncias en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero, ante o Observatorio LGBTIQ+: observatoriolgtbi@xunta.gal

- Decreto 131/2018, do 10 de outubro, polo que se crea e se regula o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181022/AnuncioG0244-161018-0003_gl.html

- Procedemento para a designación de asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI (SI900A): https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=SI900A