A transversalidade de xénero é o principio polo cal a igualdade entre mulleres e homes debe integrarse en todas as políticas públicas, con independencia do ámbito ao que pertenzan. Isto implica analizar o impacto das decisións públicas desde a perspectiva de xénero e adoptar medidas que eviten desigualdades e promovan a igualdade real en todos os sectores.
Prodúcese discriminación sexista múltiple cando unha persoa é discriminada de forma simultánea ou consecutiva por razón de sexo e por outra ou outras causas de discriminación.
Prodúcese discriminación sexista interseccional cando, xunto co sexo, concorren ou interactúan outra ou outras causas de discriminación, xerando unha forma específica de discriminación.
O "sexo" fai referencia ás características físicas, anatómicas e fisiolóxicas que diferencian aos seres humanos, conformando as categorías de sexo feminino, sexo masculino e persoas intersexuais.
Estas categorías non determinan cuestións sociais como o comportamento ou a identidade. Para facer referencia a estas cuestións emprégase o termo de "xénero" e as categorías de muller, home e persoa non binaria.
Para saber máis podes consultar este glosario de conceptos básicos.
A linguaxe, ao reflectir as prioridades e valores culturais dunha sociedade, pode poñer de manifesto dinámicas sociais, incluídas aquelas vinculadas ás desigualdades de xénero. O feito de nomear ou non nomear certas realidades ten efectos sociais concretos: o que non se nomea tende a non existir no imaxinario colectivo. Así, en contextos onde predominan estruturas tradicionais centradas no masculino, a linguaxe pode invisibilizar as mulleres, o que contribúe á súa exclusión tanto simbólica como material.
Para máis información consulta a guía de linguaxe non sexista e inclusiva.
Podes acudir ao teu Centro de Información á Muller (CIM) máis achegado. Neste servizo poderás recibir orientación profesional sobre recursos específicos que se axusten ao teu caso, así como asistencia legal e atención psicolóxica gratuíta de ser precisas.
Podes acudir ao teu Centro de Información á Muller (CIM) máis achegado para recibir información e asesoramento gratuíto. A atención ao colectivo LGBTI é unha das funcións deste servizo, tamén para persoas non binarias e homes do colectivo.
Podes chamar ao Teléfono Arco da Vella 028, un servizo de atención 24h no que podes recibir información, asesoramento legal e atención psicolóxica.
No caso de que a discriminación fose exercida por unha institución, podes poñerte en contacto co Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero para presentar unha queixa ou denuncia.
Os Centros de Información á Muller son recursos dirixidos á promoción da igualdade de xénero e están abertos a toda a cidadanía. Toda persoa pode acudir a este servizo para solicitar información relacionada coa promoción da igualdade.
Porén, o servizo está dirixido en especial a mulleres e persoas LGBTI, e os recursos de asistencia legal e psicolóxica están enfocados a estes dous grupos. Tamén cómpre sinalar que contan con prioridade na atención as vítimas de violencia de xénero e as mulleres pertencentes a colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social.