Conceptos básicos

Acoso laboral ou mobbing

Fai referencia tanto ás condutas que teñen como obxectivo producir medo, desánimo ou inseguridade, como aos efectos que esta situación produce nas vítimas. É habitual que por medo de sufrir acoso no traballo as persoas LGBTI tomen a decisión de manterse no armario no ámbito laboral cos efectos nocivos que isto ten na súa saúde mental.

Asignación de xénero

Categorización inicial dunha persoa nunha das dúas categorías posibles dentro do binarismo de xénero, home ou muller, normalmente baseado na aparencia dos seus xenitais externos. 

Asexualidade

Identidade das persoas que experimentan baixa ou nula atracción sexual, entendendo que a atracción se pode dar en todo un espectro de intensidades. Unha persoa pode ser heterosexual, homosexual ou bisexual e ao mesmo tempo asexual, xa que pode sentir unha atracción romántica ou platónica, ou unha atracción sexual de baixa intensidade. 

Cis/Cisxénero

Persoa cuxo xénero corresponde co que lle foi asignado ao nacer. Unha persoa intersexual pode ser cisxénero se o xénero co que se identifica é o mesmo que lle foi asignado. 

Expresión de xénero

Existen unha serie de marcadores externos do xénero baseándose nos ideais sociais que existen de homes e mulleres que en principio poden ser adoptados por calquera independentemente do seu sexo-xénero. Por exemplo, o cabelo longo, os vestidos ou a maquillaxe son marcadores femininos, e polo tanto unha persoa que use estes elementos, sexa home ou muller, terá unha expresión de xénero feminina. 

Identidade de xénero

Relación dunha persoa co seu xénero. Se se trata do mesmo que lle foi asignado a súa identidade de xénero é cis e se non coincide é trans. Este tampouco debe entenderse como un binarismo estrito, xa que a relación da persoa co xénero nalgúns casos pode ser máis complexa e pode non categorizarse nestes dous termos.

Intersex/Intersexual

Identidade coa que se recoñecen persoas que de xeito natural presentan algunha variación sobre os caracteres sexuais que son estandar para o seu sexo asignado. Estes poden supoñer a presenza de cromosomas sexuais distintos dos habituais, a presenza de xenitais ou gónadas ambiguos ou correspondentes ao outro sexo, así como variacións nos caracteres sexuais secundarios. Non existe unha liña clara entre a quen se pode considerar intersexual e a quen non.

LGBTIfobia

Violencia exercida contra o colectivo LGBTI por ser LGBTI. Pode subdividirse nos seguintes tipos: afectiva, cognitiva, condutual, liberal, institucional e estrutural. 

Non Binaria

Persoa cuxa asimilación e internalización do xénero non foi propiamente masculina nin feminina e polo tanto a súa identidade de xénero non coincide coa que lle foi asignada ao nacer pero tampouco se sentiría identificada co outro xénero binario.

Orientación sexual

A palabra orientación fai referencia a cara onde se dirixe o desexo dunha persoa. Con base en se sente atracción duradeira polo seu propio xénero, por outros ou independentemente do xénero, a súa orientación será homosexual, heterosexual ou bisexual. Esta orientación non é estática e pode mudar ao longo da vida. Tampouco se pode considerar como unha categoría intrínseca á persoa, senón que máis ben é unha posición na que é colocada pola sociedade con base nos seus afectos, por esta razón é habitual que non se sinta 100 % cómoda ou identificada cunha destas tres orientacións sexuais.
 

Sexo

Construto social que divide a humanidade en dous grupos aos que se lles supoñen certas características biolóxicas comúns (hormonas sexuais predominantes, par sexual cromosómico e caracteres sexuais primarios e secundarios). Nestes grupos fórzase a entrada de todas as persoas que posúen características mixtas para facer ver que a división é xustificada porque os grupos son coherentes. Na realidade a bioloxía humana é moito máis complexa dándose infinitas combinacións de hormonas, xenes e aspecto externo, proba do cal son as persoas intersexuais ou as persoas trans. Esta división en dous falsos grupos herméticos xustifica historicamente a división sexual do traballo relegando as mulleres ao papel de coidadoras e servidoras do grupo dominante.

Trans/Transxénero

Persoa cuxo xénero non coincide co que lle foi asignado ao nacer. É preferible evitar o termo “transexual”, xa que este ten unha connotación vinculada a procesos médicos e é rexeitado polo colectivo. 
 

Transicionar

Proceso polo que pasan as persoas trans para vivir acorde ao seu xénero e non ao xénero que lles asignaron. Esta transición significa algo diferente para cada persoa, podendo implicar cirurxías, hormonación, cambios na vestimenta e/ou peiteado, ou ningún destes cambios. Pode dicirse que quen realmente transiciona é o ambiente desa persoa, pasando a recoñecer o seu verdadeiro xénero e tratándoa en consecuencia.

Xénero

Construto social que xorde como consecuencia histórica da separación da humanidade en dous sexos. As diferentes vivencias, os distintos roles asignados para os dous grupos crean unha serie de experiencias vitais que son comúns a todos os membros de cada grupo pero diferentes entre ambos colectivos. Tamén se xeran relacións de poder entre estes grupos sendo as mulleres historicamente oprimidas polos homes. Así, o xénero será ao mesmo tempo a identidade que se crea en base á posición de poder no eixo de opresión patriarcal e o sistema social que perpetúa esa distribución do poder. En moitas culturas non occidentais con estruturas sociais máis complexas en canto á separación sexual do traballo e ás clases sociais, hai máis de dous xéneros recoñecidos pola sociedade.

Xénero gramatical

Sistema de clasificación nominal presente nalgúns idiomas. O inglés non ten xénero gramatical, galego e castelán teñen dous xéneros, o asturiano, grego ou alemán teñen tres, e outras linguas chegan a ter máis de dez. Non debe confundirse xénero gramatical con xénero como clasificación identitaria de persoas. Por exemplo, en grego a palabra para “nena” non é de xénero feminino, é de xénero neutro. Do mesmo xeito, é común que persoas LGBTI usen un xénero gramatical distinto do que se asume para o seu xénero vivido, en especial no caso das persoas non binarias. Algunhas persoas non binarias usan un xénero gramatical neutro, que é unha nova introdución na lingua galega e ten flexión en “e” (por exemplo na palabra “usuarie”, en oposición a “usuaria” e “usuario”), usando o pronome “eli” (nalgúns casos “ele” ou “elu”).