Educación en igualdade

Educar é proporcionar unha formación integral que permita a nenos e nenas unha formación plena e que axude a configurar a súa identidade, así como construír unha concepción da realidade que integre á vez o coñecemento e a valoración ética e moral da mesma.
Educar en igualdade quere dicir educar sen diferenciar as mensaxes en función do sexo, e educar baixo valores coma respeto cara aos demáis.
A educación en igualdade é un estilo educativo, un proceso de transformación social que apunta a unha convivencia entre os sexos afastada da opresión mutua e tendente a unha relación  de xustiza e respecto e en interese dunha formación integral e unha efectiva igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Que é a coeducación?

Educar é proporcionar unha formación integral que permita a nenos e nenas unha formación plena e que axude a configurar a súa identidade, así como construír unha concepción da realidade que integre á vez o coñecemento e a valoración ética e moral da mesma.

Coeducar implica educar sen diferenciar as mensaxes en función do sexo.

A coeducación é un estilo educativo, un proceso de transformación social que apunta a unha convivencia entre os sexos afastada da opresión mutua e tendente a unha relación  de xustiza e respecto e en interese dunha formación integral e unha efectiva igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

A coeducación é unha das ferramentas máis útiles para poder acabar coa desigualdade transformando así a realidade.

A escola, en tanto que formadora de actitudes de nenos e nenas, constitúe unha plataforma excelente para a superación dos prexuízos sexistas e para a provocación dun cambio en profundidade das estruturas e das prácticas sociais non desexables. Isto lévanos a facer reflexión global importante sobre que ensinamos, como o ensinamos, a onde nos diriximos en cada paso que damos. Na escola é posible contribuír aos procesos de socialización do alumnado evitando estereotipos sexistas.

A coeducación hoxe: 10 ideas base (por Marina Subirats, Catedrática de Socioloxía da Universidade Autónoma de Barcelona).

  1. Facer o máximo esforzo para que as nenas e nenos vaian á escola, cando menos nas idades de escolarización obrigatoria.
  2. Conseguir que as nenas e nos nenso acudan aos mesmos centros educativos e compartan as mesmas aulas.
  3. Promover o acceso das nenas, en igualdade de condicións, a todas as formas de cultura, coñecemento, currículo, actividades, recursos, xogos, deportes ... aos que teñen acceso os nenos.
  4. Analizar os elementos de poder e autoridade, o uso da linguaxe, os usos dos espazos e os tempos, os libros de texto, o currículo oculto, as formas de deporte, etc.
  5. Rescatar e introducir sistematicamente a figura de mulleres que tiveron relevancia nalgún ámbito da cultura ou a sociedade.
  6. Rescatar e introducir sistematicamente elementos característicos das tarefas de xénero para a superación dos estereotipos.
  7. Establecer un plan de traballo para modificar pautas sexistas.
  8. Modificar a distribución do poder nos centros.
  9. Ensinar ás nenas a participar con eficacia nos xogos e deportes tipicamente masculinos.
  10. Considerar toda a cultura escolar á luz de valores tradicionalmente femininos.

Foro Galego de Educación para a Igualdade (todas as edicións)

Dirixido ao profesorado de educación infantil, primaria e secundaria é a principal actividade formativa centralizada e específica no eido da educación para a igualdade entre homes e mulleres que se realiza na comunidade autónoma galega.

De sobra é coñecida a importancia da escola como axente socializador e transmisor de roles, polo que resulta imprenscinble ofertar formación en igualdade ás persoas que se ocupan profesionalmente das tarefas educativas.

O propósito dos foros é promover a construcción dun novo modelo formativo capaz de abranguer por igual, sen connotacións de xénero, ao femenino e ao masculino.

Entre os seus obxectivos figura tamén procurar a reflexión entre o profesorado galego sobre a transmisión de estereotipos de xénero no ámbito escolar e favorecer a toma de conciencia das e dos asistentes como axentes nesta situación discriminatoria, así como presentar investigacións e proxectos que servan de guía para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Os temas tratados ao longo das trece edicións realizadas foron:

  • I foro: Fomento da revisión dos prexuízos, estereotipos, actitudes e comportamentos asumidos como “normalidades” e conducentes a xerar discriminacións de xénero.
  • II foro: Incremento da sensibilización do profesorado participante e favorecer a integración das perspectivas de xénero nos PEC.
  • III foro: Afondamento sobre a necesidade de continuar avanzando en novas concrecións do valor da igualdade. Favorecemento da reflexión crítica en torno á incidencia do currículo oculto na organización da convivencia escolar.
  • IV foro: Favorecemento da revisión, dende a perspectiva de xénero, da formación que se brinda na actualidade a alumnas e alumnos nos diferentes ámbitos curriculares.
  • V foro: Construción da identidade persoal e ás diferenzas que os colectivos masculino e feminino adoptan no proceso.
  • VI foro: Reflexión sobre como incorporar transversalmente a actividade docente e á dinámica escolar a prevención da violencia de xénero.
  • VII foro: Mellorar a situación e a previr situacións discriminatorias para nenas e rapazas pertencentes a culturas que non son as maioritarias no noso contorno.
  • VIII foro: ¿Coeduca a escola galega?.
  • IX foro: Feminino e masculino. A escola na formación das identidades.
  • X foro: Afectos e emocións. A escola na construción da autonomía persoal.
  • XI foro: O currículo coeducativo. Aplicacións prácticas.
  • XII foro: Por outra mirada: o papel social do ensino e dos medios de comunicación fronte á violencia de xénero
  • XIII foro: Orientación, titoría e construción dunha identidade libre de estereotipos.
  • XIV foro: O papel da escola na construción das identidades masculinas.

Programa 'Con elas'

A Secretaría Xeral da Igualdade ten en marcha o programa "Con elas", que integra as seguintes exposicións: 

  • Elas sempre están, que pretende plasmar a realidade do medio rural galego e contribuír a visibilizar as achegas das mulleres do rural á sociedade, o recoñecemento do seu traballo e a súa achega ao benestar de todas as persoas.
  • Elas ensinan, que recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas que compartiron o interese pola educación das xeracións máis novas, ás que serviron de modelo profesional e vital.
  • Elas fan camiño, que quere dar a coñecer o protagonismo das mulleres nas rutas de peregrinación a Compostela, facendo un percorrido pola historia das mulleres que peregrinaron a Santiago desde os lugares máis afastados e relevantes do cristianismo, e que tamén foron protagonistas na creación e mantemento das diferentes rutas de peregrinación, verdadeiras vías de circulación da cultura e dos progresos técnicos e socioculturais durante séculos.

Igualdade amplía a 2011 a itinerancia polos concellos galegos destas tres exposicións

A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia decidiu ampliar ata 2011 a itinerancia polos concellos galegos destas tres exposicións que desenvolveu durante 2010, debido ao éxito que estas tiveron e á crecente demanda por parte dos concellos.

Durante o ano 2010, no marco das actividades de fomento da igualdade promovidas pola Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Igualdade realizou estas tres exposicións que están a percorrer diferentes concellos da nosa comunidade; sen embargo foron moitos os municipios que quedaron fóra por problemas de tempo. Ante esa situación decidiuse ampliar a todo o ano 2011 estas exposicións, que están reunidas no programa "Con elas".

As corporacións municipais interesadas en expor algunha delas, durante un período aproximado de 15 días, poderán solicitalas, antes do 1 de decembro de 2010, enviando a solicitude de inscrición que pode descargarse na documentación adxunta desta nova.