A Xunta refrenda o apoio ao terceiro sector para traballar en prol das persoas vulnerables en materia de emprego e igualdade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe coa directiva da Rede galega contra a pobreza (EAPN Galicia) para reforzar a súa colaboración a favor da inclusión

A Xunta enxalza o papel destas asociacións na sociedade galega que representan os intereses das persoas con máis dificultades

  •  A Xunta refrenda o apoio ao terceiro sector para traballar en prol das persoas vulnerables en materia de emprego e igualdade
  •  A Xunta refrenda o apoio ao terceiro sector para traballar en prol das persoas vulnerables en materia de emprego e igualdade

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2020.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela, por videoconferencia, coa directiva da Rede galega contra a pobreza (EAPN Galicia) para impulsar unha futura e próspera interlocución e avaliar propostas de inserción para axudar aos colectivos máis vulnerables representados nesta entidade.

A xuntanza coa Rede galega contra a pobreza enmárcase na rolda que contactos que a conselleira de Emprego e Igualdade mantén con entidades do terceiro sector e da economía social, cara a deseñar unha axenda que atenda ás súas necesidades e afirme o traballo conxunto con todas elas.

A Xunta reflectiu o seu compromiso co labor que realiza o terceiro sector polo importante papel que desempeñan na sociedade galega organizacións como EAPN Galicia, integrada por 21 entidades que representan os intereses de colectivos vulnerables. Por este motivo, a Consellería impulsa o diálogo con entidades como EAPN Galicia e estudiará con interese as propostas achegadas.

As persoas en situación de vulnerabilidade seguen a ser un obxectivo do Goberno galego no actual contexto. A Rede galega Contra a pobreza é unha organización non lucrativa e de acción social que reúne ás entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión a través da defensa dos dereitos dos colectivos en risco e da súa participación comunitaria plena. Conectan en rede os seus esforzos en contra das desigualdades sociais e perseguen dar voz ás demandas das persoas ás que representan con xuntanzas como a que hoxe puideron celebrar coa conselleira de Emprego e Igualdade.

Ademais da conselleira María Jesús Lorenzana, no encontro tomou parte a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Por parte de EAPN Galicia estiveron presentes na videoconferencia Eloína Ingerto, presidenta de EAPN Galicia; Daniel Bóveda, o seu vicepresidente e Ignacio Rodríguez Sáez, vocal.

Emprego mantén liñas de axuda con EAPN desde hai unha década para apoiar a contratación de persoas desempregadas por parte das entidades sen ánimo lucro.


 
Tema: