Lorenzana garante o compromiso da Xunta para acadar a igualdade laboral e rematar coa fenda salarial entre mulleres e homes

A conselleira lembrou que o benestar laboral das mulleres e a implantación de plans de igualdade nas empresas constitúe unha das prioridades do seu departamento

Aínda que Galicia está algo mellor que a media estatal, por cada 100€ que cobra un home na comunidade, as mulleres reciben 80,75€

En 2021 e 2022 a Xunta destina 3,7 millóns de euros a promover a equidade no tecido produtivo galego

Multimedia

 Lorenzana garante o compromiso da Xunta para acadar a igualdade laboral e rematar coa fenda salarial entre mulleres e homes

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe o rol dos poderes públicos e puxo en valor o traballo da Xunta para corrixir discriminacións por razón de xénero e promover unha redistribución de roles, avanzar na equidade salarial e mellorar a conciliación, no curso do acto celebrado en Santiago de Compostela para conmemorar este 22 de febreiro o Día europeo pola igualdade salarial.
O tempo parcial, o teito de cristal, a presenza en sectores peor remunerados ou as tarefas do fogar son algunhas das múltiples causas da desigualdade salarial por razón de xénero apuntadas pola conselleira durante a súa intervención, na que lembrou que “moitas mulleres teñen que traballar máis para gañar o mesmo que os seus compañeiros homes”.
“O Goberno galego leva anos incidindo neste eido, consciente de que a perspectiva de xénero no ámbito laboral é imprescindible para acadar un óptimo desenvolvemento como sociedade”, afirmou a conselleira, quen engadiu que a equiparación salarial e a eliminación das discriminacións laborais por razón de xénero son eixos que marcan a axenda de traballo da Xunta de Galicia no eido da igualdade.

Lorenzana evocou datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) que indican que por cada 100€ que cobra un home na comunidade, as mulleres reciben uns 80,75€. A pesares de que a desviación salarial (19,25%) sitúa a Galicia en lixeira vantaxe fronte ao 19,50% de media estatal, ao respecto dos traballadores “as mulleres galegas traballan arredor de dous meses ao ano sen cobrar e isto é inaceptable” remarcou a conselleira.

Son as mulleres as que concentran máis xornadas parciais, os empregos en actividades laborais peor valoradas e son vítimas da inequidade cos complementos nos soldos. “O tempo parcial está claramente feminizado e os complementos salariais claramente masculinizados, ao ir en función de parámetros como o esforzo físico ou a penosidade”, incidiu a titular de Emprego e Igualdade. Tamén a maternidade, aseverou, agranda esta fenda ao ser maioritariamente as traballadoras as que asumen os coidados no fogar: o 90% das peticións de excedencia que se rexistran en España para o coidado de fillas e fillos son realizadas por mulleres (datos INE).

Axudas e plans de igualdade

O compromiso da Xunta de Galicia ven consolidado polo feito de que entre 2021 e 2022 está a destinar 3,7 millóns de euros á consolidación da igualdade laboral na comunidade. Con estes fondos ponse ao dispor de axentes sociais e interlocutores empresariais axudas para que desenvolvan plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva e para dotar de gabinetes técnicos ás empresas en materia de igualdade laboral e loitar contra a fenda de xénero.

Lorenzana destacou ademais o programa de fomento da igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial dirixido a empresas e persoas traballadoras autónomas que fomenta, entre outras medidas, os Plans de Igualdade. “A Xunta de Galicia promove e axuda a todas as empresas, con obrigatoriedade ou non, no proceso de negociación e deseño dos mesmos”, incidiu a conselleira, quen defendeu estes plans como ferramenta que permite avanzar cara a verdadeira igualdade de oportunidades e ao benestar laboral da muller.

No último ano a Xunta, por outra banda, puxo en marcha un portal web e un campus virtual de formación en igualdade laboral, un espazo dixital de teleformación dirixido a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial no eido da igualdade laboral entre homes e mulleres. A través do mesmo ofreceranse este ano 5.000 prazas gratuítas en obradoiros sobre conciliación e corresponsabilidade, teletraballo, fenda salarial e rexistro retributivo, teitos de cristal ou o acoso laboral.

No acto de hoxe tomaron parte, ademais da conselleira e de representantes sindicais, da universidade e de colectivos profesionais, as empresas Coruñesa de Etiquetas, Bodegas Martín Códax e Hermanos Toimil García, que compartiron as súas experiencias e boas prácticas en materia de igualdade salarial no seo das súas organizacións.


 
Tema: