María Teresa Miras Portugal

María Teresa Miras Portugal

María Teresa Miras Portugal foi unha reputada investigadora que centrou boa parte da súa carreira en coñecer o papel dos nucleótidos nas conexións neuronais, especificamente en enfermidades neurodexenerativas como o párkinson ou o alzheimer.

Licenciada en Farmacia con dous doutoramentos, dende 1986 foi catedrática e directora do departamento de Bioquímca e Bioloxía Molecular IV da Universidade Complutense de Madrid. En 2007, foi nomeada presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, sendo a primeira muller elixida para presidir unha real academia. María Teresa pertencía, ademais, a outras prestixiosas academias estranxeiras e a numerosas sociedades científicas nacionais e internacionais no seu campo. Neste senso, foi membro do Panel Científico da OTAN e do Comité Científico asesor do Club Roma. Formou parte, ademais, dos xurados de destacados premios como o Príncipe de Asturias e foi convidada a presentar candidaturas ao comité do Nobel.

As súas investigacións teñen valido para ofrecer novas posibilidades de mediar nas enfermidades neurodexenerativas con maior prevalencia nas sociedades envellecidas, e como punto de partida para o desenvolvemento de novos fármacos neuroprotectores. María Teresa Miras Portugal foi autora de tres patentes na área de biomedicina para o tratamento de enfermidades neurodexenerativas, rexeneración de nervios e epilepsias.

Ao longo da súa traxectoria, a labor de María Teresa foi recoñecida en múltiples ocasións, sendo merecedora de premios como o Premio María Josefa Wonenburger Planells 2008.