A Xunta traballa na sensibilización da mocidade contra a violencia sexual a través da campaña Agresión Off que hoxe chega ao IES de Curtis

O Goberno galego está a desenvolver a campaña ‘Agresión Off’ dirixida a formar e informar contra a violencia sexual nunha vintena de concellos pertencentes á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero

Concellos das catro provincias participan nesta iniciativa que leva a diferentes emprazamentos puntos públicos de atención para sensibilizar á poboación ante actitudes machistas e dá pistas para prevelas, detectalas e combatelas

  • A Xunta traballa na sensibilización da mocidade contra a violencia sexual a través da campaña Agresión Off que hoxe chega ao IES de Curtis
  • A Xunta traballa na sensibilización da mocidade contra a violencia sexual a través da campaña Agresión Off que hoxe chega ao IES de Curtis

Curtis (A Coruña), 15 de decembro de 2023.-

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, visitou hoxe o stand Agresión Off situado no IES de Curtis. Con esta campaña, a Xunta de Galicia quere sensibilizar á cidadanía, en especial á poboación máis nova, contra as violencias sexuais e outorgarlle a información necesaria para facerlle fronte.

Desde o pasado 5 de novembro, o Goberno galego, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a instalar puntos de información pública en diferentes concellos, co obxectivo de achegar ás mozas e mozos a información necesaria para detectar situacións de perigo e mesmo actuar ante as mesmas.  

O obxectivo é chegar ata final de ano a instalar estes dispositivos nunha vintena de municipios que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

O Goberno galego considera clave actuar coa mocidade, que se amosa máis vulnerable ante posibles abusos e agresións machistas físicas ou verbais.

Os stands da Xunta de Galicia ofrecen información contra a violencia sexual. Inclúense actividades lúdico formativas con dinámicas de participación activa a través do xogo con materiais pedagóxicos de igualdade e talleres para persoas adultas e menores de idade.

A campaña pretende concienciar á cidadanía sobre a violencia sexual en particular e contra a violencia de xénero. Trátase de achegar formación e información sobre como prevela, detectala e combatela, outorgando ás persoas que se achegan a estes puntos pautas para que poidan actuar. 

Con esta iniciativa o Goberno galego segue a incidir na busca de actitudes igualitarias tanto nas relacións sociais como de parella. Quérese facer énfase na identificación das múltiples formas de micromachismos e violencias cotiás que sofren as mulleres e promover modelos de relación afectivo-sexual baseados no respecto e a tolerancia.

Estes espazos informativos estanse a convertir en puntos de referencia na información especializada sobre estas lacras.