A Xunta ratifica o seu apoio ás mulleres migrantes e destaca a importancia de poñer á súa disposición recursos específicos e especializados

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha xuntanza coa asociación Movilidad Humana, con sede en Ferrol e Santiago de Compostela, que traballa para garantir os dereitos das mulleres que se atopan fóra do seu país de orixe por razóns económicas, laborais, sociais ou educativas, entre outras

A Administración autonómica vén apoiando ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade a través duna convocatoria de axudas á que destinou máis de 13 millóns de euros desde 2009, o que permitiu apoiar 682 programas

Multimedia

A Xunta ratifica o seu apoio ás mulleres migrantes e destaca a importancia de poñer á súa disposición recursos específicos e especializados

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha xuntanza coa asociación Movilidad Humana, con sede en Ferrol e Santiago de Compostela, na que se lle informou dos programas de axudas autonómicos que a Xunta ten a disposición das mulleres migrantes.

López Abella ratificou o apoio do Goberno galego ás mulleres migrantes e puxo en valor o traballo que realiza este colectivo, que acolle a mulleres que se atopan nunha situación de mobilidade humana, fóra dos seus países de orixe por motivos económicos, laborais, educativos, sociais ou políticos ou que buscan unha protección fronte a conflitos armados, catástrofes ambientais, falta de seguridade ou desconfianza nas institucións estatais, entre outras razóns.

A secretaria xeral tamén indicou a importancia de poñer a disposición destas mulleres, que se atopan nunha situación de vulnerabilidade, recursos específicos e especializados. Neste senso, a Xunta conta cun programa de axudas destinado a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, como son as mulleres migrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas. Esta iniciativa conta este ano cun orzamento de 1,4 millóns de euros.

O pasado 2020, recibiron esta axuda un total de 74 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. A Administración autonómica leva investidos nesta orde de axudas máis de 13 millóns de euros desde 2009, o que permitiu apoiar un total de 682 programas.