A Xunta presenta a 2ª fase do programa ‘ti elixes’ para concienciar sobre a importancia de rexeitar os prexuízos e os estereotipos de xénero á hora de escoller unha profesión

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto no IES O Couto de Ourense, onde sinalou que o prazo de adhesión está aberto aos centros para impulsar a presenza feminina en sectores como o forestal ou o da construción

Amosouse convencida de que apostando pola incorporación da muller a sectores tradicionalmente masculinizados non só se avanza cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria, senón tamén máis rica pola contribución de todas as persoas ao progreso

  • A Xunta presenta a 2ª fase do programa ‘ti elixes’ para concienciar sobre a importancia de rexeitar os prexuízos e os estereotipos de xénero á hora de escoller unha profesión
  • A Xunta presenta a 2ª fase do programa ‘ti elixes’ para concienciar sobre a importancia de rexeitar os prexuízos e os estereotipos de xénero á hora de escoller unha profesión

Ourense, 2 de febreiro de 2024.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada das directoras xerais de Relacións Laborais, Elena Mancha, e de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe no IES O Couto no acto de presentación da 2ª fase do programa Ti elixes, que busca concienciar ás novas xeracións de que as mulleres deben escoller a súa profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero. Nesa liña, no acto participaron tres mulleres que traballan no granito, na construción e no eido forestal, para compartir as súas experiencias en sectores tradicionalmente masculinizados.

Na súa intervención, a conselleira sinalou que a mensaxe da campaña é moi clara, sinalando que é cada persoa quen debe elixir a que se quere dedicar. Sectores como os mencionados ou outros como o do transporte ou as TIC, ao seu xuízo, teñen todo por gañar apostando pola igualdade entre mulleres e homes, xa que non só avanzarán cara a unha sociedade máis xusta e equitativa, senón tamén cara a unha sociedade máis rica grazas á contribución de todos ao progreso de Galicia. 

Ese é o propósito da campaña Ti elixes da Xunta de Galicia, destacou Rivo, que na súa primeira edición chegou a 75 centros de ensinanza secundaria que estaban -polo xeral- situados preto de institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados. O prazo para adherirse á segunda edición está aberto -deica o próximo martes 6 de febreiro- co obxectivo de que estudantes de 3º e 4º da ESO poidan ter acceso a charlas didácticas e debates dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores caracterizados pola escasa representatividade feminina.

Para reverter esta tendenza, a Xunta estrea este ano un plan que con 2,25 millóns de euros de investimento busca impulsar precisamente a presenza de mulleres en sectores masculinizados, con axudas á formación e á contratación. 

Tamén se reeditará o programa de fomento do emprendemento e do emprego feminino, que cumpre xa 28 anos a prol da igualdade de oportunidades no eido laboral, contribuíndo -entre outras cousas- a que en sectores onde adoitan predominar os homes comecen a destacar mulleres.

A maiores, cabe mencionar o programa formativo Lideramos, que se está a desenvolver deica o 11 de abril polas catro provincias galegas para impulsar o talento e liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos.