A Xunta informa aos CIM da Coruña, Ferrol e Bergantiños-Costa da Morte das novidades da próxima convocatoria de axudas para apoiar o seu traballo e para financiar os gastos de persoal

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participaron esta mañá nunha videoconferencia para recoller as propostas dos responsables destes centros

Multimedia

 A Xunta informa aos CIM da Coruña, Ferrol e Bergantiños-Costa da Morte das novidades da próxima convocatoria de axudas para apoiar o seu traballo e para financiar os gastos de persoal

A Coruña, 17 de febreiro de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuníronse hoxe por videoconferencia con responsables dos 14 centros de información á muller (CIM) das comarcas da Coruña, Ferrol e Bergantiños-Costa da Morte para abordar as novidades que incluirá a próxima convocatoria de axudas dirixidas a apoiar a súa actividade.

Segundo destacaron en 2021 esta liña de achegas terá entre as principais vantaxes que pasarán a ser subvencionables a totalidade dos gastos do persoal dos CIM, que inclúen as retribucións íntegras e a cotización á Seguridade Social a cargo das respectivas entidades locais.

A reunión serviu para coñecer as propostas e necesidades formuladas desde os centros e avaliar o funcionamento do Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero posto en marcha polo Goberno galego para garantir todos os recursos a aquelas mulleres que o precisen durante a pandemia.

Nesa liña, destacaron o papel dos CIM coruñeses, nos que se proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral ás mulleres que poden ser vítimas da violencia de xénero ou a outras mulleres que polas súas circunstancias demandan a súa atención. Os CIM destas tres comarcas están situados nos concellos de Carballo, Cee, A Laracha, Muxía, Zas, Arteixo, Coirós, A Coruña, Culleredo, Curtis, Ares, Ferrol, Ortigueira e As Pontes. Entre todos eles prestan servizo a 30 concellos e no último ano, a Xunta apoiou o seu labor con achegas por valor total de máis de 576.000 euros.

Colaboración cos concellos

O programa de axudas aos CIM inscríbese nunha convocatoria máis ampla para promover medidas en materia de igualdade en colaboración coas entidades locais, que o ano pasado supuxeron un investimento total de 316.000 euros na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, máis de 262.000 euros na comarca de Ferrol e máis de 298.000 euros na comarca da Coruña.

Así, a Xunta destinou 186.000 euros nestas tres áreas en 2020 a apoiar plans de conciliación en 17 concellos coruñeses e 67.800 euros a medidas de sensibilización impulsadas en 11 municipios, ademais de financiar con 45.848 euros programas de prevención e tratamento da violencia de xénero en 8 concellos destas 3 comarcas.

Así mesmo, este ano a Xunta destina 1,4 millóns de euros a sufragar a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte de entidades locais de Galicia (concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades).