A Xunta impulsa a igualdade laboral nas empresas galegas con formación e axudas específicas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe en Vigo o VI Congreso Nacional de Auditoría Sociolaboral

Galicia é a primeira comunidade en dispor dun espazo de teleformación virtual en materia de igualdade laboral que proxecta cursos específicos teóricos e prácticos

A Xunta apoia este ano con dous millóns de euros a conciliación nas pemes e promove os pactos de flexibilidade que permiten reducir xornadas, excedencias ou fomentar o teletraballo no seo das organizacións

Multimedia

A Xunta impulsa a igualdade laboral nas empresas galegas con formación e axudas específicas
Vigo, 21 de outubro de 2021.-
 
Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais, inaugurou hoxe na delegación da Xunta en Vigo o VI Congreso Nacional de Auditoría Sociolaboral, ocasión que aproveitou para incidir no traballo que a Xunta está a realizar a favor da implantación da igualdade laboral en empresas e organizacións. Entre outras medidas, valorizou a posta en marcha dun espazo virtual de teleformación nesta materia, sendo a Galicia a primeira comunidade que o lanza, que conta xa con cerca de 800 usuarios.
 
O espazo virtual onte presentado, ofrece na actualidade dous cursos, un de coñecementos básicos en materia de plans de igualdade e outro para previr o acoso sexual no traballo. O catálogo completarase nos próximos meses con actividades específicas, teóricas e prácticas, sobre plans de igualdade, nos que empresas de referencia contarán a súa experiencia. “A única forma de acadar a desexada igualdade no seo das empresas é por medio da formación sobre o orixe, circunstancias e consecuencias das discriminacións de xénero e a insistencia en que esta impide que a sociedade avance o que necesita”, especificou a directora xeral.
 
O Goberno galego, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, está a axudar ás pequenas empresas a elaborar os seus plans de igualdade, “instrumento necesario para que empresas e traballadores cheguen a acordos para a detección das situacións de desigualdade e a súa corrección e a aplicación de medidas de conciliación”, apuntou Mancha. Para acadalos, cómpre desenvolver as obrigatorias auditorías salariais que permitirán identificar “as desigualdades non xustificadas nos salarios de homes e mulleres”, engadiu.
 
No actual exercicio, o Executivo autonómico está fomentar a conciliación nas pemes con axudas ás que se destinan máis de dous millóns de euros. Entre outros fins, trátase de que as empresas proxecten pactos de flexibilidade de xornadas, como reducións ou parcializacións e excedencias e avoguen polo teletraballo.
 
Entre outras medidas, Galicia conta con programas como o Galicia Emprega (12 millóns este ano) que ten ás mulleres como colectivo prioritario nos apoios á contratación. Ou o proxecto de emprendemento feminino Emega ao que este ano veñen destinándose 3,2 millóns. Tamén estase a fomentar a conciliación no colectivo das persoas traballadoras autónomas a través do Bono Concilia dotado con outro medio millóns de euros.
 
“A desigualdade laboral é quizais a máis difícil de erradicar, porque está directamente relacionada coa maternidade, os coidados e as responsabilidades familiares”, aseverou Mancha no congreso de hoxe, organizado pola Asociación Profesional de Auditoría Sociolaboral y de Igualdad, onde referendou o compromiso da Xunta como “motor de cambio” para romper teitos de cristal e estereotipos que permitan mellorar a competitividade e a cohesión social nas organizacións.
 
Tema: