A Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia suman esforzos para loitar contra a trata de persoas con fins de explotación sexual e "erradicar esta escravitude"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, asinaron hoxe o 'Protocolo de actuación institucional sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual', que converte a Galicia en pioneira no combate contra a trata de seres humanos.

Multimedia

Alberto Núñez Feijoo salientou que a trata con fins de explotación sexual é dun dos fenómenos máis graves que ten a sociedade global e que "non nos é alleo". Nesta lacra, proseguiu, están implicadas "redes de carácter internacional" que aproveitan a situación de pobreza de moitas mulleres e, tamén nenos e nenas, en diferentes países do mundo

Feijóo destacou que un dos obxectivos principais do protocolo é "axilizar a aplicación dos beneficios de protección" ás mulleres vítimas de trata que colaboren coa Xustiza na persecución das mafias que as explotan e, entre eses beneficios, figura a posibilidade de concederlles o permiso de residencia, tal e como contempla a Lei de estranxeiría. Por iso, salientou a "importantísima presenza" da Fiscalía Superior de Galicia e do Ministerio Fiscal neste compromiso.

O que se persegue, en palabras do presidente, é modificar a situación anterior na que a maioría das causas contra redes de explotación sexual "acababan arquivadas", incluso antes de chegar a xuízo, pola imposibilidade de conseguir testemuñas e formalizar a denuncia. De aí, subliñou Feijóo, a importancia de que as vítimas "se sintan seguras ante as ameazas e as coaccións das mafias que as utilizan e as escravizan".

O protocolo asinado hoxe "é unha proba máis" deste longo camiño "que non remata hoxe"-dixo-, senón que ten nesta sinatura unha pequena etapa; un camiño que, agregou, "é a firme determinación dunha sociedade culta, intelixente, de pleno século XXI para afondar nesa necesaria colaboración entre as administracións implicadas na loita contra a trata, na atención e recuperación das vítimas e na erradicación definitiva desta escravitude".

Colaboración permanente entre administracións e ONG’s

Por todo elo, insistiu en que "só desde a decisión inquebrantable e a colaboración permanente poderemos avanzar na difícil tarefa de diminuír, ata erradicar definitivamente, esta clase de comportamentos vexatorios". Nesta liña, reiterou que, "só xuntando esforzos e vontades, desde todas as instancias e a todos os niveis -local, rexional, autonómico, estatal e comunitario- poderemos afrontar o problema da violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións e, de xeito moi particular, neste ámbito da trata que vai máis aló das fronteiras e se converte nun fenómeno global".

Na súa intervención, remarcou que a Xunta comezou xa a crear as condicións máis axeitadas para que a sinatura deste protocolo non quede meramente nunha cuestión formal. Por unha banda, indicou que se ten tomado contacto coas organizacións non gobernamentais que traballan na detección e recuperación das vítimas, establecendo un grupo de traballo para adoptar as decisións máis axeitadas da situación actual do problema e "de cada unha das mulleres".

Tamén, agregou, o Goberno galego ten asinado diferentes convenios con distintas ONG’s para a constitución e posta en marcha dos centros de protección e recuperación das vítimas que decidan colaborar coa xustiza á hora de destapar as mafias. E, ademais, tense avanzado na sensibilización de toda a sociedade sobre a dureza e a gravidade deste problema, a través da conmemoración do Día Internacional contra a Trata e a Explotación de persoas.

Así e todo, o presidente galego expresou a vontade do seu Goberno por "avanzar na cooperación internacional para chegar ata o cerne do problema" naqueles países onde as mafias actúan na captación de mulleres, para o que, dixo, "estamos en colaboración, desde o departamento competente en materia de cooperación da Xunta, coa Comissao para a Igualdade de Genero de Portugal e coas ONG’s implicadas, co obxectivo de poder dar unha "maior efectividade"á nosa actuación a través da "implicación" das autoridades e da sociedade civil naqueles países de onde proceden estas mulleres.

Entre 2005 e 2008 234 mulleres declararon estar sometidas a redes de traficantes en Galicia

Segundo precisou no seu discurso, entre 2005 e 2008, de acordo a un recente informe da Fiscalía Superior de Galicia, a Policía Nacional contou un total de 234 mulleres en Galicia que declararon estar sometidas a redes de traficantes, todas elas, en clubs onde se exerce a prostitución e de idades comprendidas entre os 16 e os 40 anos. O titular da Xunta relatou que, en xeral, todas estas mulleres foron captadas nos seus países de orixe, como Brasil ou Romanía e non adoitan dispoñer de recursos económicos pero si de cargas familiares.

En moitos casos, continuou, "non saben que o traballo que as espera en Galicia será o exercicio da prostitución; e, moito menos, as condicións de sometemento e escravitude nas que terán que desenvolver a súa actividade". Neste contexto, apuntou que a pesar da gravísima situación de violencia, as vítimas teñen medo a denunciar por temor a represalias.

O xefe do Goberno galego recoñeceu que, "dun día para outro, non se pode acabar con este fenómeno que nos denigra como sociedade, polo que instou a seguir dando pasos coma este, traballando conxuntamente, con decisión, con firmeza e con determinación".

Combater esta criminalidade mediante a súa tipificación como delito

Na súa intervención, o fiscal superior defendeu que "esta grave criminalidade debe combaterse imperativamente mediante a súa tipificación como delito, pero esta caracterización non será suficiente se non se lles recoñece ao mesmo tempo a condición de vítimas ás mulleres que a sofren e se non se lles dispensa, conseguintemente, a protección dos seus dereitos humanos básicos".

Por iso, avogou por reforzar a cooperación institucional "para protexer as vítimas e poder levar os traficantes ante a xustiza, elaborando métodos eficaces de prevención a través dunha mellor coordinación das accións entre todas as institucións implicadas e eliminando as lagoas xurídicas que lles permiten aos culpables eludir impunemente a lei".

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, cualificou este delito como "unha intolerable violación dos dereitos humanos", e apelou á "necesaria" sensibilización da sociedade, que "aínda non o considera un problema propio".

O protocolo

Os dous principais problemas detectados ata agora na loita contra a trata de persoas con fins de explotación sexual son o medo das vítimas a denunciar e a falla de coordinación entre as entidades implicadas no proceso.

Por iso, este Protocolo axilizará a aplicación dos beneficios de protección recollidos na lexislación, entre os que destaca a posibilidade de conceder permiso de residencia a aquelas mulleres que denuncien ás mafias que as explotan, para que manteñan o seu testemuño ata o fin do proceso penal, tentando facilitar a colaboración das vítimas de trata coa Xustiza.

Unha das novidades é que desde o momento que as vítimas sexan identificadas, ben por vontade propia ou pola intervención policial nun local, estas mulleres serán consideradas vítimas do delito de trata de seres humanos, co que terán dereito a un período de reflexión de polo menos un mes para valorar «con serenidade e seguridade» se colaboran coas autoridades para investigar o delito.

Ademais, terán dereito a ter aloxamento e alimentación para elas e para as súas fillas e fillos menores de idade, e igualmente contarán con asistencia psicolóxica, médica e xurídica gratuíta, prestando testemuño en condicións especiais de protección fronte a calquera posibilidade de represalia. Tamén poderán iniciar procedementos para a restitución dos seus dereitos e obtención de indemnización.

Todos estes dereitos levan consigo a obriga das mulleres vítimas de trata de colaborar coas autoridades competentes, unha vez tomada a decisión de denunciar a súa situación, e de persistir no testemuño, para evitar que a súa retractación poida dar lugar á perda dos dereitos relativos a súa permanencia en España. Así mesmo, non poderán retomar o contacto cos seus explotadores.

O outro problema detectado ata o de agora era a escasa coordinación entre xuíces, fiscais e policías á hora de aplicar perfís de identificación das vítimas e de concesión dos dereitos de protección que recolle a lei, co que se perdía a posibilidade de contrastar datos de máxima importancia para a investigación.

Por iso, nese eido de cooperación institucional, o Protocolo indica que a Sección de Estranxeiría da Fiscalía Provincial e/ou de Área recibirá anualmente da Inspección de Traballo, da Brigada de Estranxeiría, das autoridades sanitarias e das ONGs que participan neste proceso, informes sobre as actividades realizadas, dende o número de clubs onde se exerce a prostitución, as inspeccións realizadas nos mesmos, as condicións de hixiene e saúde deses locais, e a situación das mulleres en risco de trata.

Outras accións para combater a trata

Pero, a parte da sinatura deste protocolo, desde a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia véñense realizando outras accións para combater a explotación sexual e para a atención e protección ás vítimas desa violación dos dereitos humanos. Entre elas, as xornadas de traballo con ONG´s que están a traballar con vítimas de explotación sexual e trata, que se realizaron durante o primeiro trimestre de goberno, e das que saíron as primeiras medidas de actuacións para combater a explotación sexual e proporcionar atención e protección ás vítimas.

Ademais, a Secretaría Xeral da Igualdade acaba de asinar dous convenios con dúas ONG’s que traballan na atención e recuperación das vítimas de explotación sexual. Están destinados a implementar un dispositivo destinado á atención integral a mulleres vítimas de explotación sexual e trata no que se lles presta acollida, axuda e asistencia directa, procurándolles un apoio na busca de solucións dos conflitos que derivan da súa situación específica.

As vítimas da trata

Os datos máis actualizados sobre o alcance da trata de persoas en Galicia, son os proporcionados pola Fiscalía Superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun informe que se fixo público hai uns meses.

Entre os anos 2005 e 2008 as forzas e corpos de seguridade do Estado na comunidade autónoma desarticularon cincuenta e nove redes que traficaban con persoas con fins de explotación sexual, obtendo algunhas delas beneficios de ata 600.000 euros anuais con este comercio. O número de mulleres identificadas e susceptibles de seren vítimas das redes de explotación sexual, nese mesmo período, son 1.847, téndose detectado no ano 2009 outras 141.

Na actualidade, os procesos xudiciais son escasos porque existe unha gran dificultade á hora de obter denuncias directas procedentes das mulleres vítimas de trata, debido ao medo que hai ás posibles represalias directas ou sobre as familias das mulleres no seu lugar de orixe, e á súa situación de alienación. Por iso, co Protocolo que hoxe se asinou esperase poder subsanar unha boa parte destes problemas.

O artigo 29.3 de Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes recolle a obriga da Xunta de Galicia na loita contra o tráfico de mulleres, nenas e nenos que teña como finalidade fundamental a súa explotación sexual no territorio da nosa comunidade autónoma, establecendo que esa loita deberá realizarse a través dunha intervención integral que permita a prevención, detección, atención e, se é o caso, integración das mulleres vítimas do tráfico de explotación sexual.

Esa intervención á que obriga a lei, non tivo cabida na actuación do anterior Goberno da Xunta, xa que durante catro anos non se puxeron en marcha medidas nesta materia, na que o actual executivo aposta decididamente para lograr erradicar esta forma de violencia e esta violación dos dereitos humanos.