A Xunta destaca que o Plan galego de emprego feminino fortalecerá o emprendemento entre as mulleres

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na xornada técnica ‘A igualdade de xénero no ámbito laboral: plans de igualdade’

Avogou por acadar un emprego de calidade a través da conciliación e a igualdade de oportunidades, tal e como promove a Axenda 20, a planificación do Goberno galego en materia laboral

Indicou que a Xunta está a deseñar accións para aproveitar o potencial feminino galego no mercado laboral e na actividade económica

A Coruña, 22 de xullo de 2016.-A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou hoxe na Coruña, na súa intervención na xornada técnica ‘A igualdade de xénero no ámbito laboral: plans de igualdade’, que o Plan Galego de Emprego Feminino, que está a deseñar a Xunta, fortalecerá o emprendemento e a economía social entre as mulleres.

Toca destacou que o Goberno galego está a traballar por acadar “unha Galicia máis integradora e máis xusta” a través da elaboración de diversas medidas que se plasmarán neste Plan, concibido, tal e como engadiu, para promover a equiparación e a inserción laboral efectiva das mulleres. “Centrarase nas accións necesarias para aproveitar o potencial feminino galego no mercado laboral e na actividade económica”, subliñou.

A responsable de Emprego apuntou, así mesmo, que a conciliación e a igualade de oportunidades xogan “un papel determinante” na mellora das condicións de calidade no emprego, avogando pola cualificación e a mellora das condicións de empregabilidade a través do fomento das políticas activas e preventivas no mercado laboral galego e a potenciación da igualdade laboral entre homes e mulleres, a través de plans específicos contra a discriminación.

Neste senso, lembrou que a Xunta está a elaborar o Plan Estratéxico RSE, un acordo marco sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que promove a negociación colectiva de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, igualdade e conciliación.

A secretaria xeral de Emprego explicou, por último, que todas estas ferramentas nas que traballa o Goberno galego forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación da Xunta en materia laboral, coa que se está promovendo o emprego estable e de calidade. A través desta planificación, a Xunta xa activou nos primeiros seis meses de ano axudas en emprego por valor de 152 millóns de euros. O obxectivo é a creación de 100.000 novos empregos e reducir a taxa de paro ata o 10 por cento en 2020.