A Xunta destaca en Padrón que está a impulsar as mesas locais contra a violencia de xénero polo seu relevante papel na detección de casos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á xuntanza da mesa de coordinación contra a violencia de xénero de Padrón

A Xunta mantén con Concello coruñés diversas liñas de colaboración en materia de igualdade e loita contra esta lacra social e, así, entre 2009 e 2022 destinou preto de 275.000 euros á realización de programas de información e sensibilización 

  • A Xunta destaca en Padrón que está a impulsar as mesas locais contra a violencia de xénero polo seu relevante papel na detección de casos
  • A Xunta destaca en Padrón que está a impulsar as mesas locais contra a violencia de xénero polo seu relevante papel na detección de casos

Padrón (A Coruña), 29 de abril de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á xuntanza da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero de Padrón, onde destacou o importante papel deste órgano na prevención e actuación áxil ante a detección de casos e para garantir a eficacia dos recursos destinados ás vítimas. A representante autonómica sinalou que a Xunta está a impulsar a constitución destas mesas e, así, o pasado ano a Consellería de Emprego e Igualdade fixo un estudo diagnóstico para coñecer as principais características destes órganos e identificar as necesidades das entidades que conforman a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

Tal e como destacou López Abella, o Goberno galego traballa co obxectivo de intensificar o traballo destas entidades nos concellos que xa as teñen constituídas e axudar á súa creación naqueles nos que aínda non existe. Esta posibilidade está aberta no caso dos 219 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Para favorecela, a Secretaría Xeral da Igualdade ten ao seu dispor cadanseus manuais de apoio, unha guía de carácter práctico para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; e unha segunda guía dirixida á dinamización dos órganos existentes.

É preciso lembrar que a Xunta e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) asinaron en 2012 un protocolo de colaboración para establecer unha rede de entidades locais contra a violencia de xénero para realizar, entre outras accións, programas de sensibilización social en contra desta lacra. Froito deste acordo, a finais de 2021 estaban adheridas á rede un total de 219 entidades locais nas que a Secretaría Xeral da Igualdade desenvolveu de xeito gratuíto diferentes actividades nos concellos e mancomunidades que así o solicitaron. En concreto, realizáronse actuacións en 172 entidades: 65 na provincia da Coruña; 33 en Lugo; e 37 en Ourense e Pontevedra.

Con respecto ás mesas de coordinación, López Abella resaltou que son “factor determinante” para conseguir unha mellor eficacia e complementariedade dos recursos destinados á intervención integral coas vítimas.

As mesas locais constitúen una ferramenta operativa na que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero. Ademais de membros da Mancomunidade, dos concellos que a integran e da Xunta e do Goberno central; as mesas están conformadas por interlocutores dos Centros de Información á Muller, da Garda Civil e da policía local, así como persoal de centros educativos e sanitarios das localidades que integran o ente supramunicipal.

 

“A coordinación e a colaboración son as premisas fundamentais para unha atención máis áxil, eficiente e eficaz ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia de xénero”, remarcou a secretaria xeral.

 

Centros de Información á Muller

López Abella, ademais de poñer en valor o traballo das mesas de coordinación, indicou o importante labor que tamén desenvolven os Centros de Información á Muller (CIM) contra a violencia de xénero. Os 84 Centros de Información á Muller (CIM), que apoia economicamente a Xunta, recibiron en 2021 un total de 14.415 consultas específicas en materia de violencia de xénero, un 8,19% que en 2020 o que, en palabras da secretaria xeral da Igualdade, “dá conta da boa reputación e da confianza que están a ter as galegas e os galegos neste servizo de proximidade”.

 

Para rematar, referiuse ás liñas de colaboración que a Xunta mantén co Concello de Padrón a través dos programas da Secretaría Xeral da Igualdade. Entre os anos 2009 e 2022 recibiu preto de 275.000 euros para levar a cabo actuacións para, entre outros, informar e sensibilizar contra a violencia de xénero e a igualdade de oportunidades. “Traballamos por unha Galicia inclusiva, igualitaria, respectuosa, xusta e democrática” engadiu, ao tempo que lembrou que a comunidade galega segue na vangarda da loita contra esta lacra e a discriminación da muller en todos os eidos, ao permitir visibilizar novas desigualdades e avanzar para erradicalas.

 

A nova Lei galega de Igualdade, que na actualidade está en tramitación, impulsará, entre outras medidas, a protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos; promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual; ou recoñecerá a discriminación múltiple da muller por discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración.