A Xunta conmemorará o 8 de marzo cun acto centrado na figura de Rosalía de Castro

A secretaria Xeral da Igualdade presentou hoxe os actos do Día Internacional da muller, que terán lugar na Casa Museo de Padrón

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

Santiago, 5 de marzo de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia conmemorará o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da muller, coa campaña “Sen mulleres non hai Galicia” e un acto central dedicado á escritora Rosalía de Castro, que terá lugar na súa Casa-Museo de Padrón.

Segundo explicou a secretaria xeral, son múltiples os motivos para escoller a Rosalía como protagonista desta celebración, entre eles que este ano cúmprense 150 anos dende a publicación de Cantares Gallegos, que marcou un punto de inflexión na historia da literatura galega.

Ademais da súa importante aportación á literatura galega, Rosalía foi “unha gran defensora dos dereitos das mulleres e reivindicou o papel feminino nun momento moi complicado”, Afirmou López Abella, “polo que pode ser considerada como precursora do movemento feminino en Galicia”.

A secretaria xeral subliñou a importancia da visibilización e posta en valor da participación e produción das mulleres como pezas fundamentais na configuración e desenvolvemento da sociedade galega contemporánea; de aí que recoñecer as súas achegas á innovación cultural e intelectual e situalas nos contextos que lles tocou vivir é esencial para descubrir aspectos esquecidos e axudar a unha comprensión máis profunda do que significaron.

“Foron e son moitas as mulleres que fixeron e fan posible a Galicia de hoxe, xa que a nosa historia é unha historia de mulleres; mulleres que apostaron por ver crecer a Galicia; mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e nos ensinaron a todas e a todos o valor da nosa cultura”, matizou.

Precisamente dúas importantes mulleres galegas serán as encargadas de colaborar nesta homenaxe: a escritora Marta Rivera de la Cruz e a artista Rosa Cedrón, que lerán fragmentos do libro ‘Cantares Gallegos’ e, no caso de Cedrón, interpretará algún dos poemas da nosa galega máis ilustre.

Ademais do acto institucional, a campaña do 8 de marzo estará presente amplamente nas redes sociais, tanto en Twitter, Facebook e Tuenti. Así mesmo, distribuiranse 3.000 carteis nos concellos galegos, nos centros de información á muller e entre as asociación de mulleres; e emitirase un spot na Televisión de Galicia, xunto a insercións en prensa escrita e dixital.

 

Tema: