A Xunta celebra a semana que vén o 5º encontro de mulleres emprendedoras apoiadas polo programa que distribuíu este ano máis de 4,8 M€ entre 362 iniciativas

Terá lugar o próximo venres 22 de decembro na Escola Galega de Administración Pública, onde ademais de formación -presencial e telemática- haberá espazo para que as emprendedoras compartan experiencias e para que mostren os seus produtos

Desde 2009 a Xunta leva destinados máis de 23 millóns a esta iniciativa, coa que se concederon máis de 1.800 axudas e se crearon ou consolidaron máis de 3.500 postos de traballo feminino

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2023.-

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza o próximo venres 22 de decembro o 5º Encontro de mulleres emprendedoras apoiadas polo programa que distribuíu este ano máis de 4,8 millóns de euros entre 362 iniciativas, contribuíndo a crear ou consolidar un total de 800 empregos femininos. No acto -que se celebrará en Santiago de Compostela, na Escola Galega de Administración Pública- porase de relevo que o plan se reeditará en 2024, para seguir avanzando nunha economía que garanta a igualdade de oportunidades.

O evento terá unha parte de formación presencial e telemática e outra de encontro entre as participantes. Así, pola mañá haberá unha mesa de emprendedoras referentes na artesanía, na economía social, en entidades de base científica, na cultura e en sectores artísticos ou no comercio local. Tamén se falará das posibilidades que ofrecen os Polos de emprendemento e apoio ao emprego -con 12 activos na actualidade- e haberá unha formación presencial.

Xa pola tarde, levaranse a cabo dinámicas de formación en grupo. A maiores, cómpre engadir que todas as persoas asistentes poderán visitar os postos de distintas emprendedoras para coñecer as súas iniciativas empresariais.

 

O programa 

O programa do que se beneficiaron as mulleres que participarán no encontro do próximo venres comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

A iniciativa conta con 27 anos de traxectoria. Desde 2009, o Goberno galego leva investidos máis de 23 millóns de euros no programa, permitindo a concesión de máis de 1.800 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear máis de 2.400 postos novos e o mantemento de case 1.100 preexistentes.