A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e a xerente do Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, realizaron esta mañá unha visita ás instalacións localizadas no hospital Novoa Santos
Este é un dos cinco servizos de atención especializada ás agresións sexuais que a Consellería de Política Social e Igualdade porá en marcha, xunto aos de Santiago, Lugo, Ourense e Vigo
Ferrol, 28 de outubro de 2024.-
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto coa xerente da Área sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, e a subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á cidadanía da Área sanitaria, Estrella López-Pardo Pardo, visitaron esta mañá as instalacións do centro de crise 24 horas de atención ás vítimas de violencia xénero habilitado pola Xunta na planta baixa do hospital Novoa Santos.
Tal e como indicou Aneiros, o centro entrará en funcionamento a comezos do mes de decembro. “Este é un dos cinco centros de crise 24 horas de atención especializada ás vítimas de violencia sexual que o Goberno galego porá en marcha antes de finais de ano, os restantes localizaranse nas áreas sanitarias de Santiago, Lugo, Ourense e Vigo”, lembrou.
As instalacións, situadas na planta baixa do hospital Novoa Santos, contan cunha superficie de máis de 300 metros cadrados distribuídos nunha zona de estar, sala de espera, tres consultas, despachos comúns, aseos e unha sala de usos múltiples. O centro de Ferrol é o segundo máis grande en superficie de toda Galicia.
Tal e como explicou a delegada territorial, o novo servizo xa dispón de todo o mobiliario necesario e está pendente do equipamento informático. Para a súa posta en marcha, a Xunta destinou un investimento de preto de 140.000 euros, consignando nos Orzamentos 2025 unha partida de 500.000 euros para a súa xestión -2,5 M€ para os cinco-.
Cada un destes centros de crise 24 horas contarán cun equipo de sete profesionais que prestarán atención psicolóxica, xurídica e social. Tamén darán apoio ás vítimas, familiares e persoas do seu entorno e, ademais, incluirán información telefónica e presencial as 24 horas do día os 365 días do ano.
Aneiros lembrou durante a visita que o Goberno galego vén demandando ao Executivo central que elabore un protocolo de actuación común para os centros de crise 24 horas e lamentou que non contara coas Comunidades Autónomas para poñer en marcha estes recursos nin achegara fondos para o seu mantemento.