A Secretaría Xeral da Igualdade apoiará á Fiscalía de Uruguai en materia de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, reuniuse coa fiscal adxunta en violencia doméstica de Uruguai, Fátima Paseyro, que lle trasladou o seu interese en estreitar a colaboración en materia de violencia de xénero, xa que nesa área España, e Galicia dentro dela, é un referente.

Multimedia

No encontro, a fiscal uruguaia, que é de orixe galego, falou sobre as diferenzas entre as lexislacións dos dous países e a dificultade que hai en Uruguai para perseguir aos agresores porque aínda que desde 2002 existe lexislación específica, a violencia contra as mulleres só se contempla como delito en casos nos que revista unha especial gravidade.

Por iso, mostrouse moi interesada nas campañas de sensibilización para que as mulleres denuncien realizadas en Galicia, así como nas axudas do goberno galego para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

Fátima Paseyro propuxo unha maior cooperación no intercambio de información e boas prácticas co goberno galego. Unha invitación que a secretaria xeral da Igualdade aceptou, poñendo ao seu dispor toda a información autonómica nesta materia.

Marta González lembrou que "estreitar a cooperación con países latinoamericanos como Arxentina ou Uruguai, onde hai unha forte presenza de poboación de orixe galega, é unha prioridade para o goberno da Xunta de Galicia".

De feito, o encontro da secretaria xeral da Igualdade coa fiscal adxunta en violencia, que está en Galicia de vacacións e na procura das súas orixes, foi tan positivo que ambas responsables volverán a reunirse en verano para avanzar mais na colaboración.