O II plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade entra na súa fase final de tramitación tras recibir achegas dos axentes sociais

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha nova sesión plenaria do Consello Galego das Mulleres que a Xunta fixo coincidir coa Semana da Administración Aberta

Destacou que grazas ás achegas de axentes sociais e da Administración, o novo marco, que guiará as actuacións que desenvolverá a comunidade a prol da conciliación ata 2025, “mellora a súa calidade”

  • O II plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade entra na súa fase final de tramitación tras recibir achegas dos axentes sociais
  • O II plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade entra na súa fase final de tramitación tras recibir achegas dos axentes sociais
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no pleno do Consello Galego das Mulleres convocado pola Xunta de Galicia no marco da Semana da Administración Aberta, onde informou da evolución do II Plan Galego de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade que entra na súa fase final, unha vez concluído o proceso participativo para recadar achegas dos axentes sociais ao documento.

O novo marco guiará ata 2025 as actuacións para evitar na comunidade galega o reparto desigual de xénero no eido dos coidados e para impulsar as carreiras de mulleres e as novas formas de traballo. O deseño do documento parte das conclusións do seu predecesor, o I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, que estivo vixente entre 2018 e 2021 e supuxo a activación dun cento de medidas transversais por valor de case 850 millóns de euros. 

López Abella destacou ante o Consello que a Xunta está a avanzar para “dignificar o ámbito dos coidados que asumen as mulleres e reforzar as medidas que supoñan un maior benestar laboral”.

O novo plan promoverá tamén actuacións para axudar ás mulleres a progresar nas súas carreiras profesionais e participar nas esferas de decisión.

A secretaria xeral puxo en valor a implicación de todos os axentes sociais e de diferentes departamentos do Goberno autonómico ao documento definitivo, que sairá dun traballo “participativo” co que “se mellora a calidade do Plan” e se abordan as necesidades de colectivos e administracións para avanzar nas novas formas de organización do traballo, de xestión dos recursos humanos e das condicións das persoas traballadoras.  

Na xuntanza de hoxe avogouse ademais por retomar a Comisión de corresponsabilidade, reparto do traballo doméstico e coidados, constituída o pasado 3 de maio de 2022 no seo do Consello, que adquire relevancia especial ante a próxima aprobación do II Plan.

A Xunta informou ao Consello, por outra banda, do anteproxecto da Lei de familias e das medidas que, baixo o paraugas do Plan Corresponsables, está a poñer en marcha Galicia para favorecer a conciliación das familias e xerar emprego no eido dos coidados.

O Consello Galego das Mulleres constituíuse no ano 2014 como órgano consultivo para o asesoramento en materia de políticas de igualdade e para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. As asociacións e entidades representativas toman parte, a través do mesmo, no deseño de políticas de igualdade. Trátase de manter unha “interlocución efectiva coa Administración autonómica”, subliñou López Abella.

Neste órgano séntanse representantes de todas as consellerías da Xunta de Galicia, asociacións e federacións de mulleres, organizacións empresariais e sindicais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).