Máis de 120 mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia realizarán cursos de defensa propia

Entre os obxectivos destes cursos están que as vítimas asuman que elas poden contribuír á súa seguridade e que certas normas e costumes poden marcar a diferenza ante un intento de agresión. En total impartiranse oito cursos, de 12 horas cada un, nas cidades de A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Ourense. As mulleres recibirán clases teóricas e prácticas nas que aprenderán tácticas ofensivas e defensivas en diferentes circunstancias.

Máis de cento vinte mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia recibirán dende este mes de abril cursos de autoproteción impartidos por axentes do Corpo Nacional de Policía e organizados pola Secretaría Xeral da Igualdade.

Un dos obxectivos destes cursos, explicou a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, é que a vítima asuma que ela pode contribuír á súa seguridade e que certas normas e costumes poden marcar a diferenza ante un intento de agresión. Tamén queren servir para reforzar a confianza das vítimas, encargándose de formalas e instruílas axentes responsables da súa protección.

Os cursos son unha boa ferramenta para aumentar a autoestima das mulleres, dándolles a posibilidade de tomar conciencia das súas propias posibilidades e límites. Deste xeito, o pensamento positivo "nin el é tan forte, nin eu tan débil" promoverá unha actitude mental máis determinada ante unha situación de risco, segundo explican axentes encargados da realización dos cursos. A maiores, o contacto con outras mulleres inmersas en circunstancias similares nun ambiente distendido e novo para a maioría delas, crea lazos de retroalimentación positiva sobre elas mesmas.

A secretaria xeral da Igualdade matizou que "en ningún caso, o obxectivo do curso é promover que unha muller se enfronte fisicamente co seu agresor cando exista outra opción", pero, no caso de que isto ocorra, "o coñecemento de técnicas e tácticas para a súa defensa persoal pode facilitar que a vítima repela unha agresión e gañe o tempo preciso para recibir o auxilio necesario".

Teoría e práctica

En total impartiranse oito cursos, en A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Ourense, que terán unha duración de 12 horas e nos que participarán 16 mulleres en cada un deles.

Os cursos contan cunha parte teórica, que intercalarase coa práctica no desenvolvemento das clases dunha forma dinámica e participativa. Na área teórica, informarase as mulleres sobre cales son as competencias de cada administración nesta materia, cales son os seus dereitos, como actuar en caso de violación e cal é o proceso que se pon en marcha desde o momento da solicitude dunha orde de protección, entre outras cousas.

A parte práctica ten como obxectivo que as mulleres se impliquen na súa propia seguridade, e para iso, os funcionarios e funcionarias do Corpo Nacional de Policía que impartirán os cursos ensinarán ás mulleres as técnicas e tácticas de defensa persoal adaptadas á especial situación das mulleres en diferentes circunstancias.

Aprenderán técnicas ofensivas, como golpes de puño, de cotobelos, de pernas, inmobilizacións, ou o uso de obxectos cotiás en técnicas ofensivas, como chaves, paraugas, etc.

Na área das técnicas defensivas, aprenderán a bloquear, a esquivar, a estar en garda e tamén a usar obxectos para defenderse, como cadeiras. Ademais, serán presentadas tácticas de defensa propia a aplicar en diferentes supostos, coma poden ser agresións no domicilio, agresións a terceiras persoas (menores), agresións sexuais, agresións con obxectos perigosos, etc.

Outro dos eidos nos que se traballará será no desenvolvemento de medidas de seguridade e autoproteción en lugares como os colexios, os postos de traballo, os domicilios propios ou de familiares, ou os desprazamentos a pé, en coche ou en transporte público.

Datas dos cursos de autoprotección para mulleres vítimas de violencia

  • Santiado de Compostela Días: 12, 13, 14, 15, 16 e 19 abril
  • Culleredo Días: 17 e 24 de abril e 8 e 15 de maio
  • Ferrol Días: 20, 21, 22, 23, 26 e 27 de abril
  • Vigo Días: 28, 29 ,30 de abril e 3, 4 e 5 de maio
  • Ourense Por determinar