A campaña Agresión off da Xunta chega mañá a Marín para sensibilizar á mocidade contra a violencia sexual

A iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para formar e informar contra a violencia sexual remata mañá na localidade pontevedresa tras percorrer unha vintena de concellos pertecentes á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero

Coa actuación conciénciase á poboación ante actitudes machistas e dá pautas para prevelas, detectalas e combatelas

Marín (Pontevedra), 29 de decembro de 2023.-

A campaña Agresión Off da Xunta de Galicia remata mañá en Marín despois de percorrer unha vintena de concellos co obxectivo de sensibilizar á cidadanía, en especial á poboación máis nova, contra as violencias sexuais e outorgarlle a información necesaria para facerlle fronte. O stand estará na pista de baloncesto do Parque Eguren, en horario de 16,00 a 20,00 horas.

Desde o pasado 5 de novembro, o Goberno galego, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a instalar puntos de información pública en diferentes concellos pertecentes á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, co obxectivo de achegar ás mozas e mozos a información necesaria para detectar situacións de perigo e mesmo actuar ante as mesmas.  

O Goberno galego considera clave actuar coa mocidade, que se amosa máis vulnerable ante posibles abusos e agresións machistas físicas ou verbais.

Os stands da Xunta de Galicia ofrecen información contra a violencia sexual. Inclúense actividades lúdico formativas con dinámicas de participación activa a través do xogo con materiais pedagóxicos de igualdade e talleres para persoas adultas e menores de idade.

A campaña pretende concienciar á cidadanía sobre a violencia sexual en particular e contra a violencia de xénero. Trátase de aportar formación e información sobre como prevela, detectala e combatela, outorgando ás persoas que se achegan a estes puntos pautas para que poidan actuar. 

Con esta iniciativa o Goberno galego segue a incidir na busca de actitudes igualitarias tanto nas relacións sociais como de parella. Quérese facer énfase na identificación das múltiples formas de micromachismos e violencias cotiás que sofren as mulleres e promover modelos de relación afectivo-sexual baseados no respecto e a tolerancia.

Estes espazos informativos estanse a convertir en puntos de referencia na información especializada sobre as diferentes formas de violencia contra a muller.