Rede Transfronteiriza de Centros para Mulleres

A Rede Transfronteiriza de Centros para Mulleres, ou CEDIM, é un proxecto europeo que pretende promover redes de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal entre Galicia e o norte de Portugal, mediante a creación de Centros de Información ás Mulleres que presten servizos de información, formación e orientación.

Baixo a fórmula da utilización compartida de equipamentos e servizos, CEDIM xurdiu da necesidade de dotar ás zonas transfronteirizas de mellores recursos en materia de igualdade, e de facelo de forma coordinada para aproveitar sinerxías que poidan mellorar a situación das mulleres, especialmente no que se refire á formación e ao emprego.

A Secretaría Xeral de Igualdade, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, a Comissâo para a Cidadanía e a Igualdade de Género de Portugal e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia son as entidades beneficiarias deste proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal 2007-2013.

O acceso da poboación feminina aos servizos e equipamentos de CEDIM artéllase arredor dos catro Centros de Información á Muller que, no marco deste proxecto, se poñen en marcha nos municipios galegos de Tui, A Cañiza e Monterrei (Galicia) e no portugués de Vila Verde. A constitución desta rede, así como a creación da figura da 'dinamizadora de centros compartidos' ou o desenvolvemento dunha plataforma web de promoción da incorporación das mulleres ao mercado laboral, son algúns dos mecanismos que se habilitan para promover a utilización conxunta dos equipamentos e servizos existentes na raia galaico-portuguesa e potenciar así a participación das mulleres de ambos lados da fronteira.

Estas son as entidades beneficiarias de CEDIM e as súas liñas de actuación no marco do proxecto:

Secretaría Xeral da Igualdade: como xefe de fila participará na totalidade das accións a implementar en CEDIM, liderando a coordinación e xestión das destas, así como a comunicación do proxecto.

Comissão para a Cidadania e a Igualdade de Género: participará na totalidade das accións a desenvolver no marco do proxecto e na análise das estruturas institucionais para a cooperación, achegando información sobre a situación en Portugal, especificamente, na rexión Norte. Ademais, e baixo a súa coordinación, abrirase o centro de información, formación e orientación ás mulleres no municipio de Vila Verde. A CIG tamén contribuirá á dinamización tanto do centro como da Rede de centros creada. Participará tamén no deseño e implementación do Plan de formación e nas xornadas e eventos a celebrar.

Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica: participará no conxunto de accións do proxecto, aínda que de forma concreta ocuparase de liderar a coordinación da xornada técnica enmarcada na actividade ‘Análise das estruturas institucionais para a cooperación transfronteiriza’ e do deseño integral de ferramentas para o fomento da activación, inserción e teletraballo transfronteirizo feminino. Participará nos grupos de traballo transfronteirizos e coordinará a campaña de comunicación do proxecto.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia: participará de forma activa en todas as accións do proxecto, aínda que de forma concreta ocuparase de traballar no protocolo de intervención enmarcado na actividade ‘Análise das estruturas institucionais para a cooperación transfronteiriza’, así como o deseño e implementación de ferramentas para o fomento da activación, inserción e teletraballo transfronteirizo feminino. Participará nos grupos de traballo transfronteirizos, e coordinará a xornada de intercambio de experiencias. Este socio responsabilizarase tamén da avaliación externa do proxecto.