A Xunta ultima coas entidades LGTBI a creación do Observatorio contra a discriminación por orientación sexual

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe con representantes das entidades galegas

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe con representantes das entidades do colectivo LGTBI co obxectivo de seguir avanzando na creación do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.

O Goberno está a manter un diálogo constante coas entidades para rematar a redacción do decreto que regulará e creará este Observatorio. O obxectivo fundamental deste órgano consultivo será identificar as necesidades e barreiras para a promoción da igualdade real deste colectivo nas distintas esferas sociais, e loitar contra calquera tipo de discriminación neste sentido.

Ademais, deste xeito establecerase unha canle de diálogo permanente entre a Administración autonómica e o movemento asociativo, dentro da que se poderán facer propostas e manter debates que sirvan para avanzar na plena inclusión de todas as persoas, independentemente da súa identidade sexual e de xénero, ou da súa orientación sexual.

O Observatorio será tamén fundamental á hora de fomentar o desenvolvemento de políticas públicas que garantan os dereitos das persoas LGTBI e fomentar o coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual e identidade de xénero.

Galicia converterase así na terceira Comunidade Autónoma en contar cun órgano colexiado, consultivo e de participación social en materia de dereitos das persoas LGBTI.

Loita contra a discriminación

Cómpre recordar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei -a 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia- que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI.

Ademais, o Goberno galego consigna nos seus orzamento unha partida específica para este colectivo, que despois se executa a través de convenios con disintas asociacións.

Tema: