A Xunta renova o convenio de colaboración co Colexio Oficial de Psicólogos para a atención ás mulleres que sofren violencia de xénero

Este ano o importe do convenio acada preto dos 200.000 euros, o que supón un incremento do 30 por cento respecto á dotación inicial de 2016, que a finais de ano foi aumentada con 45.000 euros máis

Tamén se ofrece atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar a través do programa ‘Abramos o Círculo’ con atención psicolóxica especializada e de apoio

Dende o ano 2009, un total de 3.649 persoas foron beneficiadas polo programa de atención psicolóxica e 579 homes foron atendidos grazas ao programa 'Abramos o Círculo'

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe o convenio de colaboración para a atención psicolóxica das mulleres vítimas de violencia de xénero
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe o convenio de colaboración para a atención psicolóxica das mulleres vítimas de violencia de xénero
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe o convenio de colaboración para a atención psicolóxica das mulleres vítimas de violencia de xénero
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe o convenio de colaboración para a atención psicolóxica das mulleres vítimas de violencia de xénero coa decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez. 

Dende o ano 2009, un total de 3.649 persoas foron beneficiadas polo programa de atención psicolóxica, das cales foron 2.589 mulleres, 924 menores e 136 persoas dependentes. E grazas ao programa Abramos o Círculo, foron atendidos 579 homes con problemas de control da violencia.
Ambos os dous programas contan cun profesional da psicoloxía que os coordina, e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención consistente en asistencias e consultas ás persoas beneficiarias, asistencia oral en xuízo por parte das psicólogas e psicólogos do programa. Inclúese ademais no convenio a cobertura da asistencia domiciliaria urxente en caso de morte ou agresións especialmente graves por causa de violencia de xénero, sempre que sexa preciso, e en coordinación co grupo GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en catástrofes e Emerxencias), así como a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias. Tamén establece en ambos programas, e dende o ano 2014, a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala. Ambos programas comprenden ademais a realización de diversas actividades formativas para os psicólogos/as.

Programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para as súas fillas e fillos menores e outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero.

Este programa está dirixido a aquelas mulleres que estean a sufrir ou teñan sufrido violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación. Este programa iniciouse no ano 2004.

O orzamento destinado no ano 2017 a este programa é de 165.000 euros. No ano 2016 beneficiáronse deste programa 621 persoas: 463 mulleres, 134 menores e 24 persoas dependentes e participaron na intervención un total de 108 profesionais da psicoloxía.

Programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, programa denominado Abramos o Círculo.

Este programa de atención psicolóxica especializada e de apoio está dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade. Este programa iniciouse no ano 2001, a través dun convenio entre a Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

O orzamento destinado no ano 2017 a este programa é de 34.600 euros. No ano 2016 beneficiáronse deste programa un total de 90 homes e participaron na intervención 75 profesionais da psicoloxía.

Tema: