A Xunta reitera o compromiso coa igualdade de xénero no sector cultural e promove a presenza equilibrada de mulleres e homes na oferta artística e cultural

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella participou hoxe na inauguración das XVI Xornadas Mulleres en Acción

A Xunta en colaboración co AGADIC e o Consello de Cultura Galega elaborará un estudo da situación actual sobre a presenza e participación das mulleres no sector cultural

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella participou hoxe na inauguración das XVI Xornadas Mulleres en Acción onde subliñou que para alcanzar un desenvolvemento cultural que verdadeiramente sexa inclusivo, a igualdade de xénero debe existir como elemento fundamental.

Dende o Goberno galego vese a necesidade de velar por facer efectivo o principio de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, en todo o concernente á creación e produción artística e intelectual, á difusión desta, así como a de promover a presenza equilibrada de mulleres e homes na oferta artística e cultural pública.

Nas profesións actuais culturais, especialmente nalgúns dos seus ámbitos, a presenza da muller, tanto cuantitativa como cualitativa, segue a ser inferior que a dos homes en termos de demanda, de participación, de contratación ou de acceso aos postos máis cualificados.

A Xunta de Galicia, consciente de que esta realidade require de análises e propostas de medidas de actuación para poder construír un novo escenario social e laboral baseado na igualdade, polo que en colaboración entre varios departamentos como a Secretaría Xeral de Igualdade, a de Cultura, o AGADIC e o Consello de Cultura Galega; se elaborará un estudo da situación actual sobre a presenza e participación das mulleres no sector cultural, nomeadamente nas áreas profesionais do audiovisual e das artes escénicas, así como as condicións laborais e o acceso aos recursos entre homes e mulleres no sector.

López Abella resaltou que o equilibrio só se alcanzará se as mulleres pasan de ser obxecto de creación para converterse en suxeito de creación, un cambio que require do traballo de todos, homes e mulleres. O ámbito da cultura e da creación é unha dimensión de gran relevancia para a consecución da igualdade social.

No ano 2014 o Instituto Geena Davis sobre Xénero nos Medios, ONU Mulleres e a Fundación Rockefeller presentaron o primeiro estudo internacional sobre personaxes femininos en películas, que revelou a discriminación arraigada e uns estereotipos xeneralizados das mulleres e as mozas por parte da industria cinematográfica internacional.

Nas conclusións de dito estudo recóllense datos como que as mulleres representan menos do quince por cento dos executivos de negocios, figuras políticas ou empregados en postos de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e/ou matemáticas, así como de 1.452 cineastas, dos que se coñece o xénero, o 20,5 por cento son mulleres, fronte ao 79,5 por cento que son homes.

A xornada tivo lugar na sala de exposicións do Auditorio Municipal de Cangas onde tamén participou a actriz e vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Tamara Canosa, a actriz e vogal da xunta directiva da Asociación de Actores de Galicia, Laura Míguez e a produtora e presidenta de Escena Galega, Belén Pichel.

Tema: