A Xunta presenta na Coruña a campaña polo Día internacional contra a violencia de xénero e as actividades programadas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, informaron dos actos arredor da xornada do próximo 25

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, informaron dos actos arredor da xornada do próximo 25
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, informaron dos actos arredor da xornada do próximo 25
A Coruña, 17 de novembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentaron hoxe a campaña institucional para o Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro, así como as actividades que se desenvolverán derredor desa xornada en 67 concellos da provincia.
 
A secretaria xeral incidiu en que este ano, por vez primeira, a Administración autonómica facilitará aos 313 concellos de Galicia carteis personalizados que poderán descargar a través da web www.xunta25denovembro.com. Nesta edición, o lema da campaña será O máis grande de Galicia non se maltrata, seguindo na mesma liña da campaña que se puxo en marcha o pasado 8 de marzo, con motivo do Día internacional da muller.
 
Ovidio Rodeiro destacou que a eliminación da violencia de xénero “é unha obriga das institucións, pero tamén é necesario un compromiso persoal de todas e todos para seguir combatendo este sinsentido”.
 
López Abella anunciou que se distribuirán 35.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia, tanto en locais comerciais, de hostalería, edificios e centros públicos, concellos, centros de saúde, xulgados e centros educativos. Ademais, desde o próximo 15 de novembro, tamén se desenvolverán accións en prensa, radio, televisión e redes sociais.
 
A campaña rematará o próximo 26 de novembro, data na que terá lugar en Santiago de Compostela a quinta edición da andaina Camiño ao respecto, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro.
 
Por outra banda, a Secretaría Xeral da Igualdade ofertou diversas actividades aos concellos adheridos á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero. Na provincia da Coruña serán 67 os concellos beneficiarios desta programación que se desenvolverá a finais deste ano e principios de 2018.
 

Programación na provincia

Os concellos de Fene, Mazaricos, Santa Comba, Ares e Vedra disporán de obradoiros educativos sobre Violencia de xénero e o novo contexto dixital, dirixidos a nenos, nenas e adolescentes e centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming ou sexting, entre outros.

Nos concellos de Abegondo, Frades, Teo, Ribeira, Padrón, Mugardos, Carballo, Cerdido, Muxía, Tordoia, Muros, Arteixo, Valdoviño e os da Mancomunidade de Municipios de Ordes organizaranse accións de prevención de situacións de violencia de xénero: cursos de defensa persoal e autocapacidades, e de adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación cara diversas situacións, impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita.

Outes, Brión, Ortigueira, Cerceda e Vimianzo recibirán o espectáculo lúdico-musical e pedagóxico I´ll be Watching You II (Hei estar vixiándote II), que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa.

As exposicións Á Violencia de Xénero... Dille NON! e Cartas de amor visitarán os municipios de Ames, Monfero, San Sadurniño, Cariño, Vilasantar, Sobrado, Noia e Pontedeume. A primeira é unha mostra gráfica ilustrada dirixida a axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas, nocivas nas súas relacións. A segunda recolle ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade, acompañada dun obradoiro práctico explicativo da mostra.

Ames, Arteixo, A Laracha e a Mancomunidade de Ordes acollerán o programa de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que sufriran de maneira directa ou indirecta violencia de xénero, así como charlas informativas sobre a violencia de xénero a cargo de persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero.

Na mesma liña, Santiso, Lousame, Malpica de Bergantiños, Betanzos, Porto do Son, Boiro e Coirós acollerán charlas informativas sobre a violencia de xénero, a cargo de persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero sobre as consecuencias desta violencia nas mulleres, nos nenos e nas nenas e pautas para a súa abordaxe.

Por último, Ferrol, Corcubión, Curtis, O Pino, Boqueixón, Neda, Cambre, Negreira, Carnota e As Pontes de García Rodríguez acollerán charlas informativas sobre a trata de seres humanos, preferentemente mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a cargo de persoal especializado na a atención ás vítimas deste delito denominado xa a nova escravitude do século XXI.

Tema: