A Xunta pon en valor o papel da muller na conserva e no conxunto da industria galega para situala como referente en España e no mundo

Os conselleiros en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade e do Mar, Elena Rivo e Alfonso Villares, participaron na sede de Nauterra en Carballo nunha homenaxe ao talento feminino nas conserveiras acompañados da xornalista Sonsoles Ónega

Tras a celebración onte do Día da Muller, Rivo quixo recoñecer o labor das que co seu enxeño e dedicación lograron facerse un nome nun mundo noutrora de homes, tomando decisións determinantes para as súas empresas

Alfonso Villares considerou esencial o labor das mulleres na cadea mar-industria, instou romper calquera teito de cristal ou formigón que podan atopar na actualidade e sinalou que o mundo do mar se escribe hoxe máis en feminino ca nunca

  • A Xunta pon en valor o papel da muller na conserva e no conxunto da industria galega para situala como referente en España e no mundo
  • A Xunta pon en valor o papel da muller na conserva e no conxunto da industria galega para situala como referente en España e no mundo

Carballo (A Coruña), 9 de marzo de 2024-.

Os conselleiros en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade e do Mar, Elena Rivo e Alfonso Villares, participaron hoxe no acto A muller na conserva. Historias en feminino que busca poñer en valor o papel das mulleres nas nosas conserveiras como exemplo de éxito no marco da industria galega. A homenaxe tivo lugar na sede de Nauterra (antiguo grupo Calvo) en Carballo e en compañía da xornalista e escritora Sonsoles Ónega, recoñecida co Premio Planeta 2023 pola súa obra Las hijas de la criada, ambientada precisamente no mundo da conserva.

Na súa intervención, Elena Rivo fixo alusión á celebración onte do Día da Muller, efeméride que se aproveita para poñer en valor hoxe non só a todas as que co seu labor entregado envasan os millóns de latas de conserva que se consomen dentro e fóra de Galicia, senón tamén ás que co seu enxeño e dedicación lograron facerse un nome nun mundo noutrora de homes, tomando decisións determinantes para as súas empresas. 

Amosouse convencida de que un futuro de progreso debe pasar pola incorporación crecente da muller especialmente a postos directivos, garantindo unha equidade que se traduce en crecemento e riqueza. Mulleres como as reflectidas por Sonsoles Ónega, que recollen o testemuño de xeracións anteriores e dirixen con determinación o rumbo dos seus negocios. 

O afán da Xunta, engadiu a representante autonómica, é darlles visibilidade a todas esas mulleres para que os seus logros non queden silenciados, aplicando medidas para garantir a igualdade de oportunidades e o aproveitamento do talento feminino non só na industria galega senón en todos os ámbitos da vida. 

Porque, destacou, a elas debémoslles situalas onde lles toca, non só como piares das súas casas, familias ou comunidades nas que viven, senón tamén das empresas nas que traballan ou que dirixen. 

Pola súa banda, o conselleiro do Mar en funcións lembrou que onse conmemorou o 8-M, Día da Muller, e hoxe tocaba continuar a reivindicar e poñer en valor o papel feminino no avance da Galicia. Un traballo esencial que elas realizan, día a día, no conxunto da cadea mar-industria, tanto a pé de fábrica como na cúpula directiva das empresas do sector. Un labor que ven do pasado, tal e como recolle a premiada obra de Sonsoles Ónega As fillas da criada coa súa conserveira La Deslumbrante, que foi a máis no presente e que debe continuar coa súa positiva evolución no futuro.  

Con ese obxectivo a Xunta ten focalizado os seus esforzos tanto en materia de igualdade como no desenvolvemento das oportunidades para as mulleres no sector marítimo-pesqueiro e transformador. Alfonso Villares destacou o liderado absoluto feminino en materia de emprego en actividades como o que realizan as redeiras, no marisqueo a pé, nas peixarías ou en conserveiras como é o caso de Nauterra.

Tamén sinalou Villares que o obxectivo agora é rachar cos estereotipos e con teitos de cristal ou formigón que podan atopar as mulleres en calquera dos subsectores que integran a pesca, acuicultura e a industria alimentaria, sen límites nin atrancos para que as profesionais podan desempeñar os máis altos postos de responsabilidade e representatividade. Porque o mundo do mar se escribe hoxe, como puxo de manifesto o acto celebrado en Carballo, máis en feminino ca nunca.