A Xunta outorga o premio ‘María Josefa Wonenburger’ á catedrática de matemática aplicada Peregrina Quintela

O Goberno galego creou este recoñecemento no ano 2006 para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía

Está especializada en modelado matemático, análise matemático e simulación numérica en modelos de física, enxeñaría e ciencias aplicadas

Multimedia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asistiu hoxe á reunión do Pleno Muller e Ciencia, onde se designou á premiada este ano co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2016, que recaeu na catedrática de matemática aplicada da USC, Peregrina Quintela Estévez

Santiago, 16 de setembro de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asistiu hoxe á reunión do Pleno Muller e Ciencia, onde se designou á premiada este ano co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2016, que recaeu na catedrática de matemática aplicada da USC, Peregrina Quintela Estevez.

A Xunta creou este premio, que cumpre o seu décimo aniversario, para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaría Xeral da Igualdade. Dende a súa creación, foron merecedoras deste recoñecemento mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron e abrirán camiños a moitas outras.

A premiada nesta edición é Peregrina Quintela Estevez, que é catedrática de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, especializada en modelado matemático, análise matemático e simulación numérica en modelos de física, enxeñaría e ciencias aplicadas. Durante a súa carreira combinou a dedicación á ensinanza, investigación e a transferencia de coñecementos e a xestión.

Premio María Josefa Wonenburguer

O Premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha auténtica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias. A primeira premiada co ‘María Josefa Wonenburger’ foi Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago; un ano despois, en 2008, recibiuno María Teresa Miras Portugal, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade Complutense de Madrid; e no ano 2009 Marisol Soengas González, directora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.

No ano 2010 a premiada foi Carmen Navarro Fernández-Balbuena, xefa do servizo de Anatomía Patolóxica no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; en 2011 foi Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela; e en 2012 María Tarsy Carballas Fernández, edafóloga, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas.

En 2013 a galardoada foi María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, e en 2014,‘María Josefa Wonenburger’ foi para a catedrática de Enxeñería de Telecomunicación, Carmen García Mateo. Finalmente,o ano pasado a premiada foi a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola.

Unidade Muller e Ciencia

A Unidade Muller e Ciencia creouse no ano 2007 coa finalidade de contar cunha área de traballo interdepartamental estable que dinamice e transforme a ciencia e a tecnoloxía galegas, co obxectivo de que as actuacións dende a perspectiva de xénero no ámbito social, tecnolóxico e educativo sexan estratéxicas para avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais.

Tema: