Os conselleiros de Emprego e Igualdade e do Medio Rural asinaron o acordo para desenvolver medidas a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

A Xunta investirá 250.000 euros en accións de formación, prevención e sensibilización para renovar o seu compromiso fronte á violencia de xénero no rural

A titular de Emprego e Igualdade puxo en valor a cooperación entre os diferentes departamentos autonómicos para atender ás vítimas de violencia de xénero a través do maior número de vías posibles e lembrou que este acordo posibilitou nos dous últimos anos atender a máis de 3.600 mulleres e 5.200 menores

Pola súa banda, o conselleiro José González fundamentou a importancia do acordo en que o rural é maioritariamente feminino, salientando que a Lei de recuperación da terra agraria prioriza as mulleres e, especificamente, as vítimas da violencia machista

  • A Xunta investirá 250.000 euros en accións de formación, prevención e sensibilización para renovar o seu compromiso fronte á violencia de xénero no rural
  • A Xunta investirá 250.000 euros en accións de formación, prevención e sensibilización para renovar o seu compromiso fronte á violencia de xénero no rural
  • A Xunta investirá 250.000 euros en accións de formación, prevención e sensibilización para renovar o seu compromiso fronte á violencia de xénero no rural

Boqueixón (A Coruña), 7 de xullo de 2021.- 

A Xunta investirá 250.000 euros -máis do dobre con respecto ao acordo asinado en 2019- en accións de formación, prevención e sensibilización para facer fronte á violencia de xénero no medio rural. Así o contempla o acordo de colaboración que veñen de asinar a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañados pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. A sinatura do documento supón renovar o compromiso do Goberno galego para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

En concreto, a Consellería de Emprego e Igualdade encargarase do financiamento mentres a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural levará a cabo distintas actuacións, como a elaboración de material específico para a prevención e a sensibilización fronte á violencia de xénero, así como para o apoio e información das vítimas. Tamén se ocupará da elaboración de campañas relacionadas coa loita contra a violencia machista, de charlas divulgativas ou dunha acción de difusión en redes orientada ás mulleres maiores do rural. Así mesmo, contémplanse actividades formativas como a formación técnica sobre programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero, ademais da organización dunha xornada de conclusión de resultados coa participación e colaboración dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) da comunidade.

A titular de Emprego e Igualdade destacou a cooperación entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia para atender ás vítimas de violencia de xénero a través do maior número de vías posibles lembrando que as actuacións do Goberno galego réxense pola coordinación e transversalización dos fondos dispoñibles nesta materia e da súa execución. “Aunamos esforzos por terceiro ano consecutivo co obxectivo de mellorar a prevención da violencia sobre as mulleres do rural”, indicou.

Así mesmo, Lorenzana sinalou que no marco deste acordo presentarase nunha xornada as conclusións , resultados e actividades desenvoltas e lembrou que nos últimos dous anos este programa chegou a máis de 3.600 mulleres e a máis de 5.200 menores en toda Galicia. Así mesmo, recordou que a Xunta mantén convenios de colaboración coas federacións de mulleres rurais de Galicia (Femuro, Femupo, Fademur e Redeiras Artesás O Peirao), sumando 75.000 euros, para a erradicación da violencia de xénero no territorio galego.

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural fundamentou a importancia do acordo en que “o rural é maioritariamente feminino”, salientando que máis da metade das explotacións agrogandeiras galegas teñen unha muller como titular. Así, José González apuntou que a sociedade galega -e nomeadamente o rural da comunidade- “ten un compromiso coas mulleres e, en consecuencia, coas vítimas da violencia de xénero”.

Unha mostra dese compromiso -recalcou o titular de Medio Rural- é a Lei de recuperación da terra agraria que, dentro do fomento do acceso á terra, fai especial referencia ás mulleres como titulares ou cotitulares de explotacións agroforestais e, “especificamente, ás mulleres vítimas da violencia machista”.