A Xunta informa aos concellos lucenses das axudas para a promoción da igualdade e apoio aos CIM ás que se destinan máis de 4,2 millóns de euros

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvencións

A nova convocatoria engloba os programas de fomento da conciliación; prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e para apoio aos centros de información ás mulleres (CIM)

Na anterior convocatoria destas subvencións 43 concellos lucenses recibiron con este fin máis de 550.000 euros

  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvencións
  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvencións

Lugo, 25 de xaneiro de 2018.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron esta mañá unha xuntanza con representantes municipais e persoal técnico para informarlles dos detalles das axudas e subvencións para a promoción da igualdade.

A nova convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado luns, engloba tres programas distintos: o de fomento da conciliación; o de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e o dirixido a apoiar os centros de información ás mulleres (CIM)

Este ano, o Goberno galego destina para este fin un orzamento que supera os 4,2 millóns de euros -cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- contía da que poden beneficiarse tanto os concellos, como consorcios, mancomunidades ou agrupacións ou asociacións de municipios.

Ademais, nunha nova mostra de colaboración coas administracións locais o Consello da Xunta vén de autorizar a concesión de anticipos de ata o 75 por cento do total das subvencións concedidas nalgún destes tres programas.

Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

Tres programas subvencionables

Para os Centros de Información á Muller (CIM) o Goberno galego financia o custe do persoal que traballa nos mesmos, concretamente os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, así como tamén o das persoas que exercen como axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, que prestan atención a mulleres en situación de vulnerabilidade.

Polo que respecta ao programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, está enfocado a promover as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como por exemplo os bancos de tempo.

Finalmente a liña destinada á prevención e tratamento integral da violencia de xénero, inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

Anterior convocatoria

A xuntanza serviu tamén para dar a coñecer o balance das axudas concedidos ao abeiro da anterior convocatoria, que implicou subvencións para 43 concellos lucenses por valor de máis de 555.000 euros, ao abeiro destas axudas.

A contía máis relevante é a que o Goberno galego destinou ao sostemento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM). En total preto de 486.000 euros repartidos entre os once centros existentes na provincia.

Cómpre lembrar que nos CIM as mulleres que o precisan poden solicitar axuda e información, pero non só as mulleres vítimas de violencia de xénero, senón tamén os seus familiares ou calquera outras persoas que precisen de asesoramento ou soliciten información sobre as iniciativas que organizan estes centros.

Tema: