A Xunta di non a todas as formas de violencia de xénero coa campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa as accións desta iniciativa

A campaña terá 72 pases de spots en televisión, 400 cuñas de radio, 24 anuncios en prensa e en máis de seis millóns de banners de internet

Tamén estará presente nun cento de valos, en 50.000 carteis distribuídos en empresas ou centros públicos, nos eventos deportivos e nas redes sociais

O domingo 24 de novembro celebrarase a sétima edición da andaina “Camiño ao respecto” entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro

O Goberno galego puxo en marcha este ano campañas dirixidas á mocidade e ás mulleres do rural e dou continuidade á iniciativa “Agresión Off” contra a violencia sexual

  • A Xunta di non a todas as formas de violencia de xénero coa campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
  • A Xunta di non a todas as formas de violencia de xénero coa campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña institucional da Xunta, con motivo da conmemoración, o próximo 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta edición dá continuidade ao lema do ano pasado “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON” para incidir nesa mensaxe.

Con este lema, a Xunta quere dicirlle NON a todas as formas de violencia recollidas na Lei 11/2017, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia xénero, é dicir, a violencia física, psicolóxica, económica e sexual, así como os abusos sexuais, o acoso sexual e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación. A campaña tamén di non ao maltrato, ao maltratador e ao machismo.

Os anuncios publicitarios sobre a campaña emitiranse a partir do luns en 72 pases na Televisión de Galicia e nunhas 400 cuñas nas emisoras de radio galegas. Tamén se publicarán 24 anuncios nos xornais da comunidade e máis de seis millóns de banners en internet. A iniciativa estará moi presente nas redes sociais e nos eventos deportivos, xa que a maioría dos clubes de Galicia están implicados na loita contra esta lacra. Ademais, difundirase por toda a xeografía galega a través dun cento de valos e con case 50.000 carteis que se distribuirán en comercios, concellos, empresas e centros educativos e sanitarios.

A campaña rematará o domingo 24 de novembro coa sétima edición da andaina “Camiño ao respecto”, que sairá do Monte do Gozo ás 11.00 horas para chegar á Praza do Obradoiro sobre as 12.30 horas.

López Abella lembrou que para o Goberno galego os 365 días do ano son 25 de novembro e, por iso, este ano se puxeron en marcha iniciativas específicas dirixidas á mocidade, para que interiorice a igualdade como un valor esencial na convivencia entre mulleres e homes; e ás mulleres que viven no rural garantíndolles a información sobre os recursos e servizos á súa disposición.

O Goberno galego cumpre así co eixo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero destinado a fomentar a sensibilización da sociedade sobre as consecuencias da violencia contra as mulleres para as vítimas e os seus fillos e fillas.

A Secretaría Xeral da Igualdade tamén continuou este ano coa campaña “Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual” nos 12 festivais de música acollidos á marca FestGalicia e con stands nas festas de 26 concellos galegos.

Ademais, os 208 concellos e mancomunidades adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero teñen a opción de participar en cursos de defensa persoal e autocapacidades para previr situacións de violencia contra as mulleres, xunto con outras actividades a favor da igualdade como exposicións e iniciativas de concienciación, obradoiros educativos ou programas de asesoramento e terapia familias con nenos e nenas que teñan sufrido a violencia de xénero. Este ano beneficiáronse destas actuacións 134 concellos, aos que se suman os 60 que organizaron cursos de autoprotección.

Ampliación liña axudas económicas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se amplía a dotación orzamentaria da resolución do 2 de xaneiro de 2019 pola que se convoca para o ano 2019 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Dado o volume de solicitudes presentadas desta axuda e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a estas axuda. Polo que se amplía a dotación en preto de 145.000 euros. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.