A Xunta destina máis de 1,2 millóns de euros a financiar programas de conciliación en 122 concellos

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou hoxe en Palas de Rei unha das iniciativas que se financian ao abeiro desta liña de axudas

O orzamento do Goberno galego para promover a igualdade nos concellos e fomentar a contratación de vítimas de violencia de xénero por parte das entidades locais ascende a 8 millóns de euros

Multimedia

A Xunta destina máis de 1,2 millóns de euros a financiar programas de conciliación en 122 concellos

Palas de Rei (Lugo), 3 de agosto de 2020.-

A Xunta destina este ano máis de 1,2 millóns de euros a financiar a posta en marcha de programas de conciliación en 122 concellos galegos, o que supón investir nesta liña un 25% máis que na edición anterior.

Así o explicou hoxe o vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, quen visitou, acompañado da directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, un dos programas que se financian ao abeiro destas axudas en Palas de Rei. O Goberno galego destina 12.000 euros á iniciativa “Xogando en vacacións” deste concello lucense, que acolle 45 nenos e nenas durante os meses de verán e ofrece así unha alternativa de lecer aos máis pequenos e unha vía de conciliación ás súas nais e pais.

Rueda destacou que esta liña de axudas inscríbese na aposta do Goberno galego por fomentar a conciliación. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en dotarse dun Plan de conciliación e corresponsabilidade. Ademais, este mesmo ano ampliou en dúas ocasións o orzamento destinado aos programas de conciliación dos concellos: pasou dos 800.000 euros iniciais aos 1,2 millóns de euros actuais.

Cómpre destacar que este programa de axudas á conciliación inscríbese nunha convocatoria máis ampla para promover medidas en materia de igualdade nas entidades locais. Así, a Xunta tamén inviste no mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM); en programas de sensibilización; e para a prevención e tratamento da violencia de xénero. En total, e incluíndo a liña de conciliación, máis de, 6,6 millóns de euros para os concellos galegos neste ámbito, o que supón 1,3 millóns de euros máis do que se investiu para este mesmo fin en 2019.

Ademais, a Xunta destinou 1,4 millóns de euros a convocatoria deste ano para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do desenvolvemento en Galicia das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Por tanto, a colaboración do Goberno galego cos concellos galegos ascende a 8 millóns de euros.