A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia coa presidenta da Asociación Galega de Mulleres Rurais (Agamur), Eugenia Medina
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a importancia das accións que levan a cabo as asociacións rurais para fomentar a participación das mulleres na toma de decisións no rural galego, ao mesmo tempo que contribúen á súa dinamización económica e cultural.
Nunha reunión celebrada hoxe por videoconferencia coa presidenta da Asociación Galega de Mulleres Rurais (Agamur), Eugenia Medina, López Abella destacou a necesidade de fomentar a visibilidade das mulleres do rural para acadar o recoñecemento social, económico e institucional que merecen. Tamén avoga por impulsar unha igualdade real de oportunidades no acceso ao emprego, así como impulsar a súa capacidade para emprender.
Co obxectivo de conseguir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a Xunta aposta ademais por promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade.