A Xunta de Galicia avanza na coordinación dos organismos de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero

Igualdade organizou no CRI unha xornada sobre violencia de xénero para 16 traballadores dos Puntos de Encontro Familiar e Gabinetes de Orientación Familiar

A finalidade é dar a coñecer o labor que se realiza no Centro aos profesionais que desenvolven o seu traballo en relación directa con menores e familias

A día de hoxe o CRI presta asistencia a 27 mulleres, 30 menores e 7 persoas do entorno familiar destas mulleres que sofren violencia de xénero

  • A secretaria xeral da Igualdade na xornada que se desenvolveu hoxe no CRI de Santiago
  • A secretaria xeral da Igualdade na xornada que se desenvolveu hoxe no CRI de Santiago
  • A secretaria xeral da Igualdade na xornada que se desenvolveu hoxe no CRI de Santiago
  • A secretaria xeral da Igualdade na xornada que se desenvolveu hoxe no CRI de Santiago

Santiago, 9 de xuño de 2014.- Un total de 16 profesionais que desenvolven o seu traballo en relación directa con menores e familias nos Gabinetes de Orientación Familiar (GOF) e nos Puntos de Encontro Familiar (PEF) da Xunta participaron hoxe nunha xornada formativa - informativa na área de violencia de xénero, organizada pola Secretaría xeral da Igualdade e a Consellería de Traballo e Benestar.

O obxectivo foi que este persoal coñecera in situ un recurso que o Goberno autonómico puxo en marcha hai un ano para traballar de xeito integral coas mulleres que viviron situacións de violencia e coas súas fillas e fillos: O Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI). Por iso, antes da xornada o persoal dependente de Traballo e Benestar visitou as súas instalacións en compañía da titular de Igualdade, Susana López Abella.

Ademais, a xornada tamén serviu para facilitar a coordinación entre os distintos organismos de apoio ás mulleres. Nese sentido, segue a estela doutros encontros que se teñen celebrado no CRI nos últimos meses como, por exemplo, o que houbo cos representantes de todos os centros que conforman a Rede Galega de Acollemento ou co persoal dos máis de 80 Centros de Información á Muller de Galicia.

Centro de Recuperación Integral
O Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero configúrase coma un centro de referencia e innovador, que ofrece un modelo de atención integral ás vítimas de violencia de xénero desde o inicio do proceso ata a súa completa recuperación. A día de hoxe o CRI presta asistencia a 27 mulleres, 30 menores e 7 persoas do entorno familiar destas mulleres que sofren violencia de xénero.

Aínda que ten a súa sede en Santiago, dá servizo a mulleres vítimas de violencia que residen en toda Galicia e ás persoas ao seu cargo, especialmente ao seus fillos e fillas. Baixo a dirección do CRI, un equipo multidisciplinar e especializado encargase de asistir ás vítimas e atender as súas demandas nas áreas de intervención psicolóxica, xurídica e social.

Menores e Familia
Os puntos de encontro familiar constitúen un equipamento social, de carácter neutral, especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente coa finalidade de favorecer a relación entre as nenas e nenos e as súas familias cando exista unha situación de separación, divorcio, tutela o calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar. A intervención que se realiza nestes servizos é de carácter temporal e desenvolvida por profesionais. O obxectivo último é a normalización da situación conflitiva. Galicia conta na actualidade con sete centros, ubicados nas sete grandes cidades.

Os gabinetes de orientación familiar (GOF) constitúen un recurso especializado no apoio e na promoción da calidade de vida das persoas e das familias, e na atención e prevención das diferentes situacións problemáticas que se poidan dar no ámbito da convivencia cotiá. En Galicia existen catro, ubicados na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Ademais, en 2012 púxose en marcha un GOF virtual na páxina web http://www.familiasgalegas.org/.

Este servizo ‘online’ proporciona ás familias ou calquera persoa interesada, de maneira gratuíta, información e asesoramento sobre diversas cuestións, como servizos, recursos sociais, programas, disposicións legais, por parte de persoas profesionais especializadas no ámbito da familia e a infancia. Para atender este recurso ‘online’, cóntase coa colaboración do GOF de Lugo.