A Xunta constitúe a comisión encargada de integrar a perspectiva de xénero en todas as súas políticas e accións

A Comisión interdepartamental de Igualdade estará presidida polo vicepresidente da Xunta e, entre outros asuntos, encargarase do seguimento da aplicación da Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero

Propúxose a creación dun grupo técnico de traballo e a formación específica para os responsables políticos en materia de igualdade

Presentouse o VI Plan de Igualdade, no que por primeira vez se implica a todos os departamentos da Xunta de Galicia a través de 30 actuacións concretas

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá a constitución da Comisión interdepartamental de Igualdade
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá a constitución da Comisión interdepartamental de Igualdade
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá a constitución da Comisión interdepartamental de Igualdade
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá a constitución da Comisión interdepartamental de Igualdade

Santiago, 7 de marzo de 2013. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá a constitución da Comisión interdepartamental de Igualdade, un órgano fundamental que se encargará de reforzar a integración do principio de transversalidade de xénero en todas as políticas e accións da Xunta de Galicia.

Así, entre outros asuntos, a comisión será a encargada do enriquecemento, revisión e implantación das 320 actuacións recollidas no VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes; así como do seguimento da aplicación da Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero.

A Comisión estará presidida polo vicepresidente da Xunta -o encargado de coordinar a planificación interdepartamental do Executivo autonómico- e vicepresidida pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Ademais, formarán parte dela todas as consellerías do Goberno galego, prestando especial atención á colaboración coas de Educación, Sanidade, Traballo e Benestar e, por suposto, ás áreas de xustiza, emerxencias e administración local.

Neste sentido, un dos puntos da orde do día foi a creación dun grupo técnico de traballo formado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade e de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cuxos obxectivo serían establecer ferramentas para integrar a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos de actuación de cada departamento, así como estratexias para identificar a pertinencia de xénero e os indicadores de xénero nos diferentes programas e actuacións.

A este respecto hai que salientar que o Borrador de regulamento do marco estratéxico común da UE establece como unha condición indispensable para poder acceder aos fondos estruturais no novo período orzamentario (2014-2020), a incorporación da perspectiva de xénero tanto no deseño como no desenvolvemento dos programas operativos.

Formación en igualdade para os responsables políticos

Doutra banda, nesta primeira xuntanza da Comisión interdepartamental tamén se plantexou a posibilidade de ofrecer un programa de formación específica para os responsables políticos en materia de igualdade. O obxectivo desta formación sería sensibilizar e facilitar ferramentas en materia de xénero e igualdade ao encargados de decidir os programas, proxectos e estratexias que se van a desenvolver en cada departamento; así como de facilitar ao persoal técnico as directrices coas que traballar.

A formación consistiría nunha xornada informativa financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade na que se lle daría a coñecer ao persoal político algúns conceptos básicos vinculados á igualdade de oportunidades, o marco xurídico e político e as políticas de intervención en materia de igualdade, entre elas o VI Plan de Igualdade que se acaba de aprobar e que implica a todos os departamentos da Xunta de Galicia na súa realización.

VI Plan galego para a igualdade 

Precisamente, Susana López aproveitou a xuntanza para presentarlles aos membros da comisión as liñas xerais do VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes, que xa se aprobou o pasado febreiro no Consello da Xunta e se presentou aos concellos e asociacións de mulleres nunha rolda de reunións nas distintas delegacións territoriais da Xunta e en San Caetano.

No seu día, a secretaria xeral da Igualdade destacou que o feito de que se tratara do primeiro plan de “todo o Goberno galego”, nunha clara mostra do apoio da Xunta cara a consecución da igualdade real de oportunidades para as mulleres. Tratase dunha ambiciosa programación que conta con 320 actuacións para o período 2013-2015 e un orzamento de máis de 220 millóns de euros.

O Plan estruturase en seis eixes principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade.

Tema: