A Xunta colabora co proxecto da Fundación Amigos de Galicia no que foron atendidas o ano pasado 357 mulleres vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe co director da Fundación, Jesús Busto Peteiro

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo un encontro con representantes da Fundación Amigos de Galicia
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo un encontro con representantes da Fundación Amigos de Galicia

Santiago, 25 de xuño de 2013. Un total de 357 mulleres vítimas da violencia de xénero puideron ser atendidas o pasado ano grazas a un proxecto da Fundación Amigos de Galicia co que colabora a Xunta.

O Programa de recursos integrais para mulleres vítimas de violencia de xénero ou mulleres en risco de sufrir violencia de xénero”, posto en marcha en xaneiro de 2012, permitiu prestar atención e axuda a 357 mulleres que sufriron, sofren ou poderían chegar a sufrir violencia de xénero, e que, na súa maioría, contan con cargas familiares.

A secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe co director da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto Peteiro, para avaliar os resultados do programa, que o goberno galego subvencionou con 36.000 euros, a través da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social para programas para mulleres e recursos para xestantes.

Un equipo humano formado por unha traballadora social, unha psicóloga e unha orientadora laboral, encargáronse de asesorar e orientar ás usuarias, tanto a nivel psicolóxico e emocional como social. As mulleres tamén contaron cun equipo xurídico para solucionar distintos trámites.

Esta axuda permitiu desenvolver unha serie de propostas destinadas a favorecer a autonomía e independencia da muller e evitar calquera forma de maltrato. Entre esas accións destacan o asesoramento e a orientación das mulleres a nivel psicolóxico para evitar situacións de maltrato, o fomento da autoestima e das relacións con outras vítimas ou a realización de itinerarios de inserción personalizada para favorecer a súa inserción no mundo laboral. Tamén se ofertou un servizo de ludoteca para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, e déuselles información sobre os recursos e prestacións dispoñibles coas que poden contar.