Susana López Abella recibe á presidenta da Asociación de Mulleres Executivas de Galicia

A asociación, recentemente constituída, celebra o 3 de febreiro o acto de presentación en Santiago de Compostela

No encontro, ambas as partes coincidiron na importancia de posicionar o liderado en feminino como valor engadido

Igualdade publicará en breve a convocatoria de axudas ao emprendemento feminino, dotada este ano con 665.000 euros

Multimedia

Santiago, 24 de xaneiro de 2012.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, recibíu esta mañá no seu despacho á presidenta da Asociación de Mulleres Executivas de Galicia, Montserrat Sánchez-Agustino. A asociación, constituída o pasado mes de xullo, celebrará o vindeiro día 3 de febreiro o acto de presentación en Santiago de Compostela.

No trascurso da xuntanza, ambas as dúas partes coincidiron na importancia de posicionar o liderato en feminino como valor engadido e de avanzar no acceso da muller aos postos de responsabilidade nas organizacións.

A presidenta informou dos obxectivos fundacionais da asociación, entre os que destacan visibilizar a contribución profesional da muller executiva galega e favorecer o traballo en rede do colectivo, así como dos principais proxectos, como a creación dun blog de emprego, promoción profesional e emprendemento e a convocatoria dun premio para distinguir o traballo das executivas de Galicia.

Pola súa banda, a titular de Igualdade anunciou a inminente publicación das axudas deste ano ao emprendemento feminino, a través da convocatoria do programa EMEGA, dotado cun presuposto de 665.000 euros.