A Secretaría Xeral da Igualdade analizará a proposta de cualificación profesional da figura de axente de igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, reuniuse hoxe con Consuelo Rivadulla, presidenta da Federación Estatal de Asociaciones Profesionales de Agentes de Igualdad de Oportunidades (Fepaio) e da Asociación Profesional de Axentes de Oportunidades Galega (APAIOGA), quen lle informou sobre as súas demandas e sobre a proposta de cualificación profesional da figura de axente de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que foi entregada no Ministerio da Igualdade para súa avaliación.

Multimedia

Unha das reivindicacións desta asociación é o recoñecemento e defensa do perfil profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. É dicir, que o goberno recoñeza a os e ás axentes de Igualdade como unha profesión, e iso só se consegue mediante a cualificación profesional da figura do e da axente.

A secretaría xeral da Igualdade comprometeuse a facer todos os contactos necesarios, nos departamentos de traballo e educación, para analizar de forma conxunta a proposta presentada e ver se dende a Comunidade Autónoma pódese plantexar algunha solución. Sen embargo, Marta González recoñeceu que, nun primeiro momento, este é un problema común a todas as Comunidades e debe ser presentado ao goberno central, que é sobre quen recaen actualmente as competencias.

Na proposta presentada por APAIOGA establécense as condicións e requisitos que deben observarse para a certificación de competencia correspondente a aquelas persoas que queiran exercer como profesionais en igualdade entre homes e mulleres.

Para a obtención da certificación profesional de Axente de Igualdade entre Mulleres e Homes, plantéxanse como requisitos estar en posesión dunha diplomatura ou licenciatura, e realizar un curso de formación específica en igualdade de oportunidades, cuns contidos establecidos, cun mínimo de 275 horas de duración e nunha entidade recoñecida ao efecto.

Que é APAIOGA

APAGOIA é unha asociación sen ánimo de lucro que está integrada por un grupo de profesionais con formación específica en igualdade de oportunidades, que proceden de distintas especializades das Ciencias Sociais: Licenciatura en Historia, Xeografía, Dereito, Psicopedagoxía, Psicoloxía, Pedagoxía, Economía, Ciencias Políticas, Publicidade e Relacións Publicas, así como Diplomaturas en Traballo Social, Educación Social, Maxisterio e Relacións Laborais.

Entre os seus obxectivos está defender o perfil profesional de axente de igualdade de oportunidades en todos os ámbitos, e promover a igualdade de oportunidades e a non discriminación por razón de xénero entre mulleres e homes en todos os eidos sociais.

Para acadar estes obxectivos, tentan fomentar accións que permitan concilia-la vida familiar e laboral dentro das empresas, deseñar actividades de sensibilización que promovan a non violencia de xénero e a igualdade de oportunidades.

Pero tamén tentan coñecer e colaborar con outros e outras axentes implicados no ámbito social, perseguindo actuacións transversais, que poidan mellora-la calidade de vida da poboación en xeral: concellos, mancomunidades deputacións, asociacións, servizos sociais, centros educativos, servizos de saúde, CIMs, ou servizos de emprego público. Así como establecer canles de comunicación con outros organismos promotores da igualdade de oportunidades tanto a nivel local, provincial, autonómico coma nacional.

Dende á APAIOGA dáse asesoramento en igualdade de oportunidades a institucións públicas e privadas, aplícase a perspectiva de xénero ás diferentes áreas que conforman unha entidade: xestión económica, recursos humanos, comunicación. Tamén realizan estudos sobre a situación de mulleres e homes en distintos eidos, deseñan, implementan e avalían plans de igualdade, proxectos de intervención e accións formativas.