O vicepresidente da Xunta reúnese coa astrofísica viguesa Begoña Vila, Premio María Josefa Wonenburger 2017

O premio busca resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía

O acto de entrega do galardón terá lugar o próximo 27 de decembro, en Santiago de Compostela

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza coa astrofísica viguesa Begoña Vila, premio María Josefa Wonenburger 2017
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza coa astrofísica viguesa Begoña Vila, premio María Josefa Wonenburger 2017
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza coa astrofísica viguesa Begoña Vila, premio María Josefa Wonenburger 2017
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Ruda, mantivo hoxe unha xuntanza coa astrofísica viguesa Begoña Vila, premio María Josefa Wonenburger 2017

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza coa astrofísica viguesa Begoña Vila, premio María Josefa Wonenburger 2017. O acto de entrega deste galardón terá lugar o próximo 27 de decembro, en Santiago de Compostela.

O Pleno da Unidade da Muller e Ciencia decidiu o pasado mes de outubro recoñecer a traxectoria de Begoña Vila, que actualmente é enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard da Nasa e encargada dos instrumentos do telescopio espacial James Webb (JWST), entre eles, do Instrumento de Guía (Fine Guidance Sensor) responsable da orientación e estabilidade do Observatorio.

A astrofísica viguesa ten recibido varios premios e recoñecementos ao longo da súa traxectoria, incluída a medalla da Nasa ao Logro Público Excepcional en 2016. Ademais do seu relevante traballo, tamén participa frecuentemente en eventos de comunicación e divulgación ao público.

Nas anteriores edicións foron sucesivamente distinguidas co premio Wonenburger Inmaculada Paz Andrade, Teresa Miras Portugal, María Soledad Soengas, Carmen Navarro e Ofelia Rey, Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo, Isabel Aguirre de Úrcola e Peregrina Quintela.

Unidade Muller e Ciencia


A Unidade de Muller e Ciencia creouse hai dez anos co obxectivo de incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia e de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Entre outras iniciativas, instaurou o premio María Josefa Wonenburger para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, baixo un nome que pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa.


Nesta mesma liña, a Xunta impulsou o II Programa galego de Muller e Ciencia 2016-2020 que busca a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes nos ámbitos social e laboral modificando valores, actitudes e estereotipos que sustentan a desigualdade nos ámbitos científico e tecnolóxico e potenciando a participación das mulleres en condicións de igualdade.

 
 
Tema: