O Diario Oficial de Galicia convoca axudas para a atención integral a vítimas de trata e de explotación sexual e/ou laboral

A Xunta apoia proxectos de atención social integral nos que se inclúen, entre outros, o apoio psicolóxico, orientación laboral e xurídica e traballo de rúa para localizar ás vítimas e ofrecerlles apoio

As axudas pretenden dar cobertura este ano ás persoas cuxa situación se viu agravada a causa da pandemia

A convocatoria conta cun orzamento de 450.000 euros cun importe máximo na axuda de 70.000 euros por entidade

Multimedia

 O Diario Oficial de Galicia convoca axudas para a atención integral a vítimas de trata e de explotación sexual e/ou laboral

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para 2021 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual preferentemente inmigrantes e/ ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. As axudas contan cunha dotación de 450.000 euros e poden solicitarse no prazo dun mes a contar desde mañá.

Este ano as axudas cobran especial relevancia para dar cobertura á necesidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas cuxa situación se viu agravada como consecuencia da pandemia.

As iniciativas financiadas inclúen accións de atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais para a atención inmediata destas vítimas; asesoramento social e actuacións de apoio directo para realizar trámites administrativos; atención psicolóxica; orientación e asesoramento xurídico e laboral; así como programas de atención en traballo de rúa, coa finalidade de achegar aos lugares onde poden atoparse vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos existentes.

O importe máximo de cada proxecto será de 70.000 euros e obterán maior puntuación as entidades que propoñan a posibilidade de acollemento residencial temporal.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria, as entidades de iniciativa social que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, carezan de ánimo de lucro e teñan o seu domicilio social ou delegación en Galicia.

Desde 2016 a Xunta permitiu atender a máis de 3.000 persoas grazas a estes apoios a entidades que traballan na atención directa a vítimas de trata con fins de explotación
sexual e/ou laboral. O ano pasado resultaron beneficiarias un total de nove entidades que atenderon a 685 persoas.