López Abella visita o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz para achegar á mocidade a importancia do emprendemento feminino

A titular de Igualdade e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asistiron tamén ao coloquio da responsable do Programa Woman Emprende da USC

  • Susana López Abella na visita ao IES Poeta Díez Castro
  • Susana López Abella na visita ao IES Poeta Díez Castro

Guitiriz (Lugo), 11 de febreiro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron esta mañá o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz co obxectivo de achegar á mocidade a importancia do emprendemento feminino.

Concretamente, asistiron a un coloquio que ofreceu Eva López Barrio, responsable do programa de apoio ao emprendemento feminino da USC, Woman Emprende; e visitaron exposición ‘Con Nome de Muller’, unha mostra itinerante que desde a perspectiva histórica anima ás mozas a emprender.

A exposición púxose en marcha a finais do ano 2011, a través do programa Woman Emprende e pretende achegar aos estudantes e ao público xeral diversos exemplos de emprendemento de mulleres tomados do pasado e do presente para amosar a relevancia da iniciativa feminina e o seu valor como instrumento de creación de riqueza e benestar.

Ademais, con estas experiencias concretas tamén se quere transmitir ás mozas e mozos galegos a necesidade de ter unha actitude positiva e proactiva ante a vida, ao tempo que se sacan á luz episodios do noso pasado que, con frecuencia, tenden a esquecerse.

‘Con nome de Muller’ non só mostra a grandes emprendedoras, senón tamén pequenas historias que fan o día a día. Por iso, López Abella desexou que a exposición sirva para animar a todas aquelas mulleres que se senten dispostas a tomar a iniciativa.