Igualdade presentou un novo volume da colección 'As letras das mulleres' dedicado á escritora Eliza Haywook

O volume A dama solitaria & Fantomina, é o número 13 da colección "As letras das Mulleres", e recolle dúas obras da autora británica que por primeira vez son editadas en galego. Eliza Haywood inaugurou un tipo de ficción que, con pretensións didácticas, ensinaba ás mulleres a sacaren proveito nas relacións sentimentais, propugnando unha ruptura co modelo pasivo e presentando heroínas impetuosas e decididas, que non se dobregaban aos roles establecidos.

  • Igualdade presentou un novo volume da colección 'As letras das mulleres' dedicado á escritora Eliza Haywook
  • Igualdade presentou un novo volume da colección 'As letras das mulleres' dedicado á escritora Eliza Haywook

A secretaría xeral da Igualdade, Marta González, presentou hoxe o décimo terceiro volume da colección "As letras das Mulleres", que está dedicado á escritora británica Eliza Haywood e no que se atopan as obras A dama Solitaria e Fantomina, que por primeira vez publícanse en galego.

No acto de presentación, nas instalacións da Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP), a secretaria xeral estivo acompañada por o prologuista da obra, Jorge Figueroa Dorrego, polo director da editorial Sotelo Blanco, Olegario Soutelo, pola tradutora do libro Mª Fe González, e polo director da EGAP, Pablo Figueroa.

A colección "As letras das Mulleres", que edita a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con Sotelo Blanco Edicións,  naceu hai seis anos para dar a coñecer ao público galego obras representativas do pensamento e da creación desenvolvida por mulleres ao longo da historia da literatura e do pensamento.

O libro que se presentou hoxe, A dama solitaria & Fantomina,  recolle dúas obras da escritora inglesa Eliza Haywood, que inaugurou un tipo de ficción que, con pretensións didácticas, ensinaba ás mulleres a sacaren proveito nas relacións sentimentais, propugnando unha ruptura co modelo pasivo e presentando heroínas impetuosas e decididas, que non se dobregaban aos roles establecidos, como as que protagonizan as obras que neste volume se publican, por primeira vez, en galego.

Escritora moi prolífica

Eliza Haywood foi unha escritora moi prolífica e popular na Gran Bretaña do século XVIII; de feito, o éxito da autora no seu tempo foi moi notable, de tal xeito que a súa novela Love in Excess (1791) foi a terceira obra máis popular do momento, xunto con outros títulos que en cambio si pasaron á posteridade, como son As viaxes de Gulliver e Robinson Crusoe, de Jonathan Swift e Daniel Defoe, respectivamente.

Nese sentido, a secretaria xeral da Igualdade preguntouse sobre por qué agora Eliza Haywood non goza da mesma fama que Jonathan Swift ou Daniel Defoe. "É unha cuestión que ten tanto que ver co feito de ser  muller como coas características da súa narrativa, considerada en épocas posteriores como excesivamente audaz, sensible, licenciosa, extravagante e ademais específica para mulleres", indicou Marta González.

Pioneira da liberdade

A responsable de igualdade do goberno galego lembrou que Haywood, demostrando versatilidade e ambición, non se limitou á novela, senón que experimentou tamén co teatro, a literatura política, a filosofía e o xornalismo, e foi atacada en vida como unha escritora transgresora, moi especialmente polos seus colegas homes, e a súa obra esquecida posteriormente, ata que as revisións feministas do canon literario realizadas a partir dos anos setenta do século XX trouxeron a súa obra novamente á luz.

Pola súa banda o prologuista do libro, Jorge Figueroa explicou que as obras A dama solitaria e Fantomina "son dous bos exemplos da narrativa que Haywood escribiu durante a década de 1720". A primeira, dixo, "é unha historia de sedución e abandono que reivindica o desexo feminino e apela á solidariedade entre mulleres". A segunda, "é unha fantasía de liberdade feminina que xoga co carácter performativo das relacións interpersoais, presenta unha alternativa á literatura de sedución e abandono, e explora as complexidades do amor", sinalou.

As obras editadas ata agora na colección As letras das Mulleres son: Amor Vermello e escritos sociais e políticos, de Alexandra Kollontai; Exóticas e escritos xornalísticos, de Sofía Casanova; O Moinante & a segunda parte do Moinante, de Aphra Behn; Escritos políticos e literarios, de Olympia de Gouges; O Cabaleiro das botas azuis. Lieders. As Literatas, de Rosalía de Castro; A Educación do home e da muller. A Dama Xoven. Memorias dun solteirón, de Emilia Pardo Bazán; Da muller da súa casa á muller do porvir, de Concepción Arenal; Orgullo e prexuízo, de Jane Austen; Un cuarto de seu, de  Virginia Woolf; Vindicación dos dereitos da muller, de Mary Wollstonecraft; A cidade das mulleres, de Cristina de Pizán; e A idade da inocencia, de Edith Wharton.