Igualdade e a FAXPG colaboran para mellorar a calidade de vida das mulleres con discapacidade auditiva e da fala

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha

En 2013 atenderon a máis de 300 usuarias nun programa de recursos de apoio a mulleres xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas financiado pola Xunta

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta tarde co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta tarde co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha

Santiago, 9 de xuño de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta tarde co Presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, para afondar na colaboración entre ambos organismos para mellorar a calidade de vida das mulleres con discapacidade auditiva e/ou da fala.

A FAXPG valorou moi positivamente que no convenio de colaboración asinado en abril entre a Vicepresidencia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia se incluíse, como novidade deste ano, garantir a atención psicolóxica especializada ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala que sofren violencia de xénero.

Ademais, López Abella e Sertucha tamén abordaron os resultados do Programa de recursos de apoio dirixidos a mulleres xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, que leva a cabo a FAXPG, a través dunha subvención da orden de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da Secretaría Xeral da Igualdade.

O principal obxectivo deste programa é favorecer a autonomía persoal e a Igualdade de oportunidades das mulleres pertencentes a este colectivo, eliminando todos os obstáculos e impedimentos que provocan a súa marxinalidade e exclusión familiar, social e laboral. O pasado ano a FAXPG recibiu unha subvención de 29.000 euros, cos que se fixeron 2.259 atencións a máis de 300 usuarias.

Por último, o presidente da FAXPG informou á secretaria xeral de que no mes de outubro se celebrará en Santiago de Compostela o II Congreso Estatal de Mulleres Xordas, que organiza a Confederación Estatal de Personas Sordas (CNSE) en colaboración coa FAXPG.

A FAXPG ten como misión xerar as condicións que, tomando como base a identidade xorda e a súa diversidade, aseguren o desenvolvemento global das persoas xordas de Galicia en condicións de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades. Actualmente a Federación está composta polas asociacións locais das sete grandes cidades de Galicia.