Igualdade avoga pola coordinación entre administracións e pola creación de mesas de coordinación na loita contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou hoxe a Xornada de Posta en Común e Intercambio de Boas Prácticas sobre o Funcionamento das Mesas de Coordinación de Violencia de Xénero dende o ámbito Local e Comarcal, nas que presentan as súas boas prácticas os concellos de Curtis, Ordes e Lalín.

  • Igualdade avoga pola coordinación entre administracións e pola creación de mesas de coordinación na loita contra a violencia de xénero
  • Igualdade avoga pola coordinación entre administracións e pola creación de mesas de coordinación na loita contra a violencia de xénero

No acto, organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade, tamén participaron o director xeral da Administración Local, José Norberto Uzal Tresandí, o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández Castro, a Xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller, Laura Rodríguez Manso, e o director xeral da Escola Galega de Administración Pública, Pablo Figueroa.

Na súa intervención a secretaria xeral da Igualdade destacou a importancia da coordinación entre todas as administracións e axentes implicados para combater a violencia de xénero e defendeu a creación e posta en marcha de mesas de coordinación e protocolos de actuación neste eido nas diferentes comarcas e concellos de Galicia.

As mesas de coordinación e os CIMs

Marta González indicou que as chamadas mesas de coordinación, locais ou comarcais, nas que habitualmente se coordinan os centros de información ás mulleres e os servizos sociais municipais, o xulgado do partido xudicial, a administración sanitaria, o posto da Garda Civil correspondente e nalgúns casos outras administracións como a educativa, "revélanse como instrumentos enormemente eficaces para ordenar as actuacións que se desenvolven a nivel local ou comarcal".

Por iso, dixo, é necesario que "o número de mesas aumente e se convertan nun instrumento existente en todas as comarcas galegas".

Nese sentido, a secretaria xeral da Igualdade destacou o "importante papel" que ten a rede de Centros de Información ás Mulleres (CIM), composta hoxe por 77 centros, desde os que asesoran e informan ás mulleres sobre diferentes materias e moi particularmente co obxectivo de contribuír decisivamente á erradicación da violencia contra as mulleres a través do asesoramento ás mulleres.

"Os CIMs contan coa experiencia precisa como para impulsar a nivel comarcal ou local esa coordinación das administracións e dos recursos existentes, que se plasme na elaboración dos protocolos de intervención consensuados, mediante os que cada axente coñecerá a actuación que deberá desenvolver no momento concreto da intervención, coa rapidez, a eficacia e a calidade no servizo prestado necesaria", afirmou Marta González, que recoñeceu que "en moitas ocasións a cultura organizativa das administracións non é moi propensa á coordinación, é preciso polo tanto un esforzo suplementario que os centros de información ás mulleres dos concellos están en condicións de facer".

A importancia da coordinación

A responsable de Igualdade do goberno galego recoñeceu que nos últimos anos avanzouse moito tanto no rexeitamento social do fenómeno do maltrato, como na lexislación para castigar aso maltratadores e recuperación das vítimas, pero "aínda queda moito por facer" e unha das mellores formas de avanzar é "a obriga e o compromiso, de todas as administracións implicadas neste proceso, de estar coordinadas axeitadamente para proporcionar unha atención máis eficaz, tanto desde un punto de vista interinstitucional, como sectorial ou territorial".

De feito, lembrou que con ese obxectivo tivo lugar hai un par de meses unha xuntanza entre responsables do ámbito fiscal, policial, xudicial e social na comunidade autónoma, tanto do goberno central como autonómico, no que se comprometeron, desde as súas respectivas competencias, "a reforzar os mecanismos de coordinación necesarios para que todo o entramado de axuda ás vítimas, desde o momento do asesoramento previo ata a súa plena recuperación, funcione máis eficazmente e podamos intervir coa rapidez e a eficiencia precisa para que as mulleres que depositan toda a súa confianza en nós non se vexan defraudadas".

A implicación da administración local

Pola súa banda, o director xeral da administración local, José Norberto Uzal Tresandí, destacou que a violencia de xénero "é un dos peores dramas que está a vivir a nosa sociedade nestes tempos" e para poder acabar con ela "é precisa unha resposta unánime de todas as administracións públicas en defensa activa dos dereitos das mulleres, xa que logo, é preciso artellar medidas eficaces no ámbito educativo, no eido dos servizos sociais, no sanitario e nos ámbitos mediático e publicitario entre outros".

Por iso, dixo, "a esta tarefa non pode ser allea a administración local xa que precisamente a súa condición de administración máis próxima a cidadanía a coloca moitas veces no primeiro nivel de resposta a todos tipo de problemas".

O director xeral invitou a todas as entidades locais de Galicia "a incrementar a eficacia das medidas que poñen a disposición das mulleres para evitar estas situacións violentas de discriminación", aproveitando os instrumentos de coordinación previstos na lexislación vixente, entre os que destacou o importante papel que poden desempeñar as Mesas de Coordinación de Violencia de Xénero.

A xornada de hoxe, que convocou a responsables políticas e técnicas dos centros de información ás mulleres, así como a representantes doutros concellos preocupados tamén por este mesmo problema, enmárcase dentro das actuacións de formación que se realizan de xeito periódico desde a Xunta de Galicia para a información e formación do persoal dos centros de información ás mulleres, e pretende achegar un número de exemplos constituídos xa no que se chama habitualmente "mellores prácticas", coa finalidade de que un número maior de mesas de coordinación e de protocolos de actuación se poñan en marcha nas diferentes comarcas e concellos de Galicia.

 

Contido: