A hostalaría galega súmase á loita contra a violencia apoiando a campaña do Teléfono da Muller

Os adhesivos do teléfono da Muller nos lavabos dos establecementos de hostalería teñen por obxectivo achegarse aos mais novos e aproveitar que a muller está soa. O teléfono da Muller foi usado por mais de 3.900 persoas no que levamos de ano na nosa comunidade.

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e o presidente da Confederación de Empresarios da Hostalería de Galicia (CEHOSGA), Juan Silva, presentaron o adhesivo co teléfono das Mulleres, que cada membro deste organismo porá nos espellos dos baños dos seus establecementos.

A Secretaría Xeral de Igualdade e CEHOSGA alcanzaron un acordo para realizar en conxunto unha campaña de divulgación do Teléfono da Muller.

O presidente de CEHOSGA manifestou a "dispoñibilidade total" da hostalaría galega para "todas estas iniciativas" e para "axudar a mellorar a situación". Juan Silva mostrou o seu convencemento de que os adhesivos nos establecementos hostaleiros van a axudar a que "esta información estea mais presente" e desexou "o mellor dos éxitos" a esta iniciativa.

Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, explicou que o eixo central da campaña e a divulgación de 50.000 adhesivos entre todos os asociados e asociadas de CEHOSGA, que porán este novo adhesivo, transparente e de fácil colocación, en todos os espellos dos baños, de homes e mulleres, dos seus establecementos.

O obxectivo é duplo, afirmou González. Por un lado aproveitar o feito de que os baños son lugares dos establecementos de hostalaría nos que as mulleres están soas, e por outro, que desta forma podemos achegar este servizo á xente máis nova. As últimas cifras divulgadas polo Ministerio de Igualdade amosan que o 30% das mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas dende o 2003 tiña menos de 30 anos. Pero a xuventude no é só unha característica das vítimas, tamén dos agresores; segundo os mesmos estudos do Ministerio, un 17,7% dos homes españois menores de 30 anos cre que o home agresivo é mais atractivo, un 4,5% das mulleres desa mesma idade secunda esa idea.

A distribución dos adhesivos farase en colaboración cos centros comarcais de CEHOSGA, do seguinte xeito: a Secretaría Xeral da Igualdade enviará a cada centro o número de adhesivos correspondente ao total de establecementos asociados ao centro comarcal, e os centros de CEHOSGA farán a distribución entre os establecementos.

O teléfono da Muller é un servizo gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día e ten cobertura para toda a Comunidade Autónoma. Está atendido por un equipo multidisciplinar de forma que calquera muller, ou home, poida facer unha consulta, tanto en horario laborable como en horario nocturno e en días non laborables.

Dende o teléfono da Muller infórmase e asesórase sobre cuestións relacionadas con diferentes materias:

  • A violencia de xénero: maos tratos, vexacións, ameazas, agresións sexuais, acoso sexual...
  • Servizos sociais: casas de acollida, centros de información ás mulleres dos concellos de Galicia, programas para mulleres desfavorecidas, gabinetes de orientación familiar, centros de planificación...
  • Apoio xurídico: separacións, divorcios, abandonos do fogar, sentencias incumpridas...
  • Orientación profesional: cursos ocupacionais, oposicións, bolsas de emprego, creación de empresas...
  • Formación: educación pola igualdade, materiais non sexistas, publicidade discriminatoria...

O teléfono da axuda

Os números provisionais correspondentes ás estatísticas deste ano e relativos ás chamadas realizadas a este teléfono nos indican que:

Dende o 1 de xaneiro ate o mes de novembro deste ano chamaron ao teléfono da Muller para realizar consultas 3.952 persoas. O 18% delas, e dicir 714, proviñan do ámbito rural; o 76% (3.010) do urbano; e un 6% (228) non están identificadas.

Por provincias, A Coruña está a cabeza con 1.839 chamadas (47%), seguida de Pontevedra con 1.105 (28%), Lugo con 445 (11%), e Ourense con 318 (8%). Do resto de España se recibiron 15 chamadas, e hai 230 (6%), que no identificaron a súa procedencia.

Por sexos, a maioría das chamadas foron de mulleres, 3.715 (94%), aínda que os homes realizaron 237 (6%). No que respecta as idades, a maioría foron feitas por persoas de entre 26 e 35 anos (978-25%), seguidas das que teñen entre 46 e 55 (890-23%), e das que están entre os 36 e 45 anos (780-20%) e as de 56 anos o mais, que tamén sumaron un 20%.

Non se pode esquecer que a violencia de xénero é unha das lacras da sociedade, e aínda que Galicia non é das comunidades autónomas onde as cifras son máis alarmantes e elevadas, é está nun discreto termo medio, temos que seguir traballando.

Eliminar a violencia de xénero

Como nos achegamos ao 25 de novembro, data na que lembramos o compromiso coa eliminación da violencia contra as mulleres, podemos indicar algunhas das cifras que barallamos en torno a este fenómeno na nosa comunidade autónoma. En canto ás ordes de protección que se ditaron en Galicia dende o 1 de xaneiro até o 19 de novembro, en total suman 1.181 ordes de protección, segundo datos do punto de coordinación das ordes de protección, adscrito ao Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Igualdade). O punto de coordinación leva a cabo o seguimento das ordes de protección das mulleres vítimas de violencia, realizando as xestións oportunas ante as diferentes administracións para facilitarlle o acceso aos recursos existentes e ofrecerlles un marco integral de protección.

Segundo estes datos, as provincias de A Coruña e Pontevedra son as mais afectadas, con 437 e 193 casos respectivamente, o cal non é nada estraño se temos en conta a distribución da poboación en Galicia. Despois ven Lugo con 193 e Ourense con 173 ordes de protección.

As cifras de ordes de protección concedidas parecen, polo tanto, ser máis baixas cas do 2008, que rematou con 1860 ordes, pero hai que ter en conta que aínda queda máis dun mes para que contemos coas cifras globais.

A Xunta de Galicia espera que a campaña que hoxe presentamos sexa unha ferramenta mais para axudar a extinguir a lacra da violencia de xénero na nosa sociedade, e agradece moi sinceramente á Confederación de Empresarios da Hostalería de Galicia (CEHOSGA) a súa sensibilización para co tema e a súa colaboración na posta en marcha deste acordo.