Galicia conta xa con sesenta Centros de Información á Muller que dispoñen do servizo de teletradución

A secretaria xeral de Igualdade visitou o CIM de Baiona onde se puxo en marcha o servizo de teletradución

O servizo está dispoñible en 51 idiomas, o que permite ás mulleres estranxeiras residentes en Galicia un acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles 

Baiona, 4 de agosto de 2016.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, visitaron hoxe o Centro de Información á Muller (CIM) baionés con motivo da posta en marcha do seu servizo de teletradución. Así este centro súmase aos 59 centros que xa contan con este servizo dende a súa posta en marcha no ano 2011.

Este servizo supón un avance cualitativo en resposta á diversidade da poboación motivada polo aumento da inmigración, por ende o Goberno galego traballa para mellorar as técnicas de comunicación para lograr unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa orixe e lingua.

O servizo de teletradución está dispoñible en 51 idiomas, o que permite ás mulleres estranxeiras residentes en Galicia ter a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.

As usuarias teñen a posibilidade de facer uso deste servizo de maneira presencial ou telefónica, grazas a nova tecnoloxía implantada que permite a comunicación das usuarias cunha intérprete desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, un centro de acollida ou calquera entidade adherida. No caso de que a consulta sexa telefónica, o sistema permite o establecemento de chamada a tres, onde a interprete colabora para que sexa posible unha mellor comunicación entre a usuaria e a profesional da entidade.

No ano 2015 fixeron uso do servizo once entidades que desenvolven programas de atención a mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual en Galicia e 58 entidades locais con CIMs e casas de acollida para vítimas de violencia xénero. Os idiomas máis utilizados a través da teletradución foron o árabe, o francés, o inglés, o romanés, o chinés-mandarín, o alemán, o búlgaro, o wolof -lingua falada en Senegal e Gambia- e o Urdu, que se fala en Pakistán e India.

CIM de Baiona

O Centro de Información á Muller de Baiona, que leva en funcionamento dende o ano 2005, é un dos 82 centros de Galicia que ofrecen ás mulleres, vítimas de violencia de xénero, asesoría xurídica, atención psicolóxica, orientación laboral e teleasistencia móbil, así como tamén desenvolven actividades de sensibilización e formación, entre outras, a prol da igualdade de xénero. O pasado ano 2015 atendeu un total de 188 mulleres e 702 consultas.